Skip to main content

Unha exposición en Bioloxía desmonta falsas crenzas sobre as vacinas

A mostra pode visitarse ata o 23 de abril. Foto: Santi Alvite.
A mostra pode visitarse ata o 23 de abril. Foto: Santi Alvite.
'Vacinando. Dous séculos e sumando!' pode visitarse ata o 23 de abril

Divulgar a evolución das vacinas e aclarar ou desmontar moitas loiadas e mentiras sobre a vacinación é o propósito da exposición 'Vacinando. Dous séculos e sumando!', que dende este luns e ata o día 23 deste mes de abril se poderá visitar no corredor principal da facultade de Bioloxía. Na inauguración participaron o decano da facultade anfitrioa, Jesús Romalde, e o delegado de Farmamundi en Galicia, Héctor Castro.

Pensada para o gran público e logo de percorrer máis de 85 localizacións, a mostra ilustra de maneira divulgativa a evolución das vacinas nun total de dez paneis que inclúen temas como as vacinas contra a COVID, os retos do futuro, o novo calendario aprobado polo Ministerio de Sanidade ou as loiadas e mentiras arredor das vacinas.

A exposición nace do libro que leva o mesmo título, obra dos farmacéuticos Raquel Carnero, delegada de Farmamundi en Castela León, e Luis Marcos, con ilustracións e viñetas de Íñigo Ansola, e publicado por Edicións Universidade de Salamanca. “Agradecemos moito o esforzo do decano de Bioloxía da USC para levar a mostra a Santiago de Compostela, coa que se resolverán moitas dúbidas sobre as vacinas”, afirma Raquel Carnero.

O proxecto foi galardoado cun dos Premios Farmacéuticos e ODS do Consello Xeral de Colexios de Farmacéuticos entregados no I Foro de Innovación Social da Farmacia, polo seu impacto na divulgación e por contribuír aos obxectivos de Saúde e Benestar da OMS centrados en reducir a mortalidade por enfermidades previbles mediante a mellora das coberturas de vacinación. A ONG Farmamundi, xunto con outras institucións como a Asociación Española de Vacinoloxía ou a Asociación Española contra a Meninxite, respaldan o proxecto @Vacunando.

As Facultades de Bioloxía e de Farmacia da USC colaboran dende hai anos nun proxecto de Aprendizaxe-Servizo coa ONG Farmamundi cuxo obxectivo é achegar a cultura científica e a investigación biomédica a novo alumnado para fomentar a vocación investigadora. Para iso utiliza unha estratexia de crowdsourcing dirixida ao descubrimento de novos antibióticos. A formulación experimental é idéntica ao soado achado casual da penicilina por Alexander Fleming, aínda que de maneira dirixida e participativa involucrando a estudantado de educación secundaria de varios centros de Santiago de Compostela e a súa contorna. Froito desa colaboración xurde tamén a posibilidade de levar á facultade de Bioloxía a exposición que se inaugurou este luns.

O decano da Facultade (no centro) inaugurou a exposición xunto co delegado de Farmamundi en Galicia. Foto: Santi Alvite
O decano da Facultade (no centro) inaugurou a exposición xunto co delegado de Farmamundi en Galicia. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 04.09.2024.