Skip to main content

Unha xornada en Dereito analizará as particularidades fiscais e xudiciais da cláusula solo

Profesionais do Dereito e da xudicatura xunto con profesorado universitario analizarán nunhas xornadas ‘A cláusula solo: transparencia, abusividade e recuperación de cantidades’. Celebrarase no Salón de Graos da Facultade de Dereito os días 16 e 23 de febreiro.

Na primeira xornada, o xoves 16 a partir das 16.45 horas, Ricardo Pazos Castro, da USC, abrirá a quenda de intervencións facendo unha introdución ás cláusulas solo, condicións xerais e cláusulas abusivas. Deseguido, o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC Antonio López referirase ás implicacións fiscais da cláusula solo. A primeira xornada rematará coa celebración a partir das 18.45 horas dunha mesa redonda que xuntará ao notario Jaime Romero Costas; a maxistrada titular do xulgado do Mercantil 2 da Coruña, M. Salomé Martínez Bouzas; o avogado de entidade financeira, José Ignacio Canle Fernández; e o avogado Lisardo Núñez Pardo de Vera.

O xoves 23 a partir das 17.00 horas, o programa inclúe unha análise do RDL en materia de cláusulas solo, da man da catedrática de Dereito Civil da USC Mª Paz García Rubio e unha mesa redonda que conforman o avogado Gaspar Otero Campos, a maxistrada do xulgado de Primeira instancia 3 de Vigo, Roberto de la Cruz Álvarez, e o avogado Jesús Garriga Domínguez.

The contents of this page were updated on 02.09.2017.