Skip to main content

O comercio de sambesugas no século XIX converteu a lagoa de Antela nun punto clave da súa produción

As sambesugas usáronse na medicina desde hai milleiros de anos. FOTO: Pixabay
As sambesugas usáronse na medicina desde hai milleiros de anos. FOTO: Pixabay
Unha investigación da USC e da Universidade de Cádiz desvela que a moda de usar estes vermes na medicina francesa na década de 1820 obrigou a establecer vedas

Unha revitalización do uso das sambesugas para usos médicos en Francia fixo que en apenas uns anos a lagoa de Antela se convertese nun lugar importante para a recolección e importación de sambesugas a territorio francés, segundo revela un artigo do profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC Damián Copena, publicado en coautoría con María Gómez Martín da Universidade de Cádiz na revista ‘Medical History’ da editorial Cambridge University Press.

A lagoa, desecada na década de 1950, estaba situada na comarca da Limia, no sur da provincia de Ourense, e abranguía terreos situados nos concellos de Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía. Nela chegou a instalarse unha factoría para o acopio e exportación a Francia de sambesugas que deixaba “para os franceses tanto lucro como puidera a dos atúns nas almadrabas de Conil”, segundo lembra o traballo.

O artigo tivo como obxectivo o estudo histórico-económico do sector das sambesugas en España, centrando a atención nos procesos de recolección, regulación, ámbitos de demanda de uso médico, así como no estudo das relacións comerciais con Francia desde o inicio do século XIX ata a década de 1860. Nel analízanse, a partir de diversas fontes históricas, o impacto ocasionado pola difusión das teorías do médico francés François Joseph Victor Broussais (1772–1838) sobre a utilización de sambesugas como insumo médico.

Malia que as sambesugas da variedade ‘Hirudo medicinalis’ xa se utilizaban na medicina desde milleiros de anos atrás en distintas culturas, desde a do antigo Exipto ata a da Grecia clásica, e desde a India ata a China, o éxito das teorías de Broussais sobre a súa importancia na curación de enfermidaades fai que xa a principios da década de 1820 se produza un grande incremento da súa demanda, o que chegou a motivar unha auténtica febre das sambesugas cun espectacular aumento do comercio internacional que tivo o seu apoxeo no ano 1832, cando Francia importou máis de 57 millóns de exemplares para cubrir unha demanda anual de ata 100 millóns de exemplares.

Esta circunstancia dá inicio ao comezo dunha relación comercial hispano-francesa  que provocou a sobreexplotación do recurso das sambesugas, un grande incremento do prezo, e a aparición de varias respostas normativas para tratar de manter as poboacións autóctonas como o establecemento de vedas e a procura de solucións tecnolóxicas que permitisen incrementar as producións.

A sobreexplotación das sambesugas, que queda recollida en diversos documentos históricos, e a preocupación pola perda do recurso motivaron diferentes respostas normativas para tratar de limitar a recolección e favorecer a recuperación do anélido. Así, por exemplo, estableceuse para o territorio galego un período de veda na primavera dos anos 1827 e 1828, prohibíndose en 1839 a importación de sambesugas desde todo o Estado. Estes procesos normativos complementáronse con intentos que permitisen encontrar solucións tecnolóxicas que posibilitasen o incremento das poboacións, aínda que en xeral a resposta gobernamental foi tardía e deficiente de cara á protección do mercado e do recurso médico, segundo conclúen os autores do artigo.

The contents of this page were updated on 04.09.2024.