Skip to main content

O IX Findecurta vaticina 11 escenarios do ‘Último día na Terra’

Participantes e organizadores do IX Findecurta
Participantes e organizadores do IX Findecurta
O certame cinematográfico promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que citou uns 100 participantes premiará con 400 euros o traballo máis valorado polo xurado e garante a proxección das dúas mellores propostas na Semana de Cine de Autor de Lugo
Lugo, Santiago de Compostela

Un total de 11 propostas cinematográficas compiten na novena edición do certame cinematográfico en lingua galega Findecurta, unha iniciativa promovida pola Área de Cultura da USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial e Concello de Lugo, e cuxa temática convidou aos máis de 100 participantes inscritos a imaxinar o ‘Último día na Terra’.

Distribuídos nun total de 11 equipos, a parroquia do IX Findecurta gozou de pouco máis de 80 horas para materializar as súas propostas cinematográficas, curtas coas que aspiran a gañar o premio en metálico de 400 euros de que está dotado este certame, que tamén garante a proxección das dúas producións audiovisuais máis valoradoras polo xurado e polo público na próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo.

O coordinador do IX Findecurta, Bruno Máez, foi o encargado de informar aos representantes dos equipos inscritos neste certame cinematográfico sobre os requirimentos técnicos, así como respecto da temática e dos diferentes retos aos que debían achegar solucións as curtas presentadas a concurso.

Os autores da curta máis valorada polos membros do xurado recibirán unha gratificación en metálico de 400 euros, ademais da posibilidade de competir coa súa creación na próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo. A segunda curta mellor valorada tamén poderá optar ao premio do público á mellor curtametraxe galega no marco da Semana de Cine de Autor de Lugo. O fallo dos premios farase público o 3 de maio, a partir das 22.30 horas, no marco dunha sesión pública na Praza de Santa María, durante a que se proxectarán todas as curtas presentadas a concurso.

The contents of this page were updated on 04.09.2024.