Skip to main content

Conferencia da documentalista radiofónica Ángeles Afuera en Ciencias da Comunicación

Alumni tamén organiza un faladoiro coa profesional na Casa da Concha ás 19.00 horas

Ciencias da Comunicación acollerá este mércores 19 unha conferencia da documentalista da cadea SER Ángeles Afuera na que falará ao alumnado deste centro do papel dos documentalistas de radio e de como esta profesión pasou a ser esencial nos medios de comunicación, “non só como arquiveiros, senón como xestores da información e moitas veces xornalistas especializados en facer memoria ou contextualizar as informacións”.

Ángeles Afuera, recentemente xubilada, destaca que a clave son os profesionais da documentación, “que saben cómo gardar para poder recuperar en tempo récord o que se necesita exactamente”; e cualifica de erro pensar que todo está en Google, “un enorme hangar onde un se perde”, así como que por meter todo nun disco duro xa se posúe un arquivo organizado.

Alumni
Xa pola tarde, a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC organiza un faladoiro coa profesional, que se celebrará ás 19.00 horas na Casa da Concha (rúa Conga, 1), na que conversará sobre o medio en xeral, facendo un repaso desde a radio de galena ata a radio informativa de hoxe, “ Sons de toda la vida”.

Afuera sostén que a radio se atopa hoxe nunha encrucillada similar á que viviu coa chegada da televisión, “creo que como medio de comunicación ten que adaptarse a novas canles e soportes, pero confío no seu futuro porque segue sendo inmediata, ten credibilidade e o seu maior aliado é a imaxinación do oínte”. Así e todo recoñece que o problema é captar a atención das novas xeracións, “ que xa non se informan pola radio, senón polos tuits que lles chegan ao móbil en calquera momento”.

The contents of this page were updated on 04.18.2017.