A USC, na xornada do Ministerio de Sanidade para presentar o Plan Nacional Contra o Radon
O catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Alberto Ruano Raviña, participa este mércores en Madrid na xornada de presentación oficial do Plan Nacional Contra o Radon que organiza o Ministerio de Sanidade.
En concreto, o profesor da USC intervén na mesa redonda científico-técnica na que tamén participa o catedrático da Universidade de Cantabria Luis Santiago Quindós Poncela, sendo eles dous os únicos representantes das universidades estatais de todo o cadro de relatores.
Na súa intervención, titulada ‘Riscos para a saúde do radon. Mortalidade atribuíble ao radon en España’ exporá a evidencia obtida acerca dos efectos dese gas sobre a saúde nos últimos anos desde o Laboratorio de Radon de Galicia, da USC, e que ten situado esta entidade científica como referente nacional e internacional nesa cuestión.