O Curso de Primavera sobre arte urbana proxectaLugo e conecta Humanidades coa sociedade
O Curso de Primavera ‘Pegadas no muro. Relatos e proxectos de arte urbana’, un programa promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural e incluído no abano de actividades da Primavera Cultural da USC, revitaliza a conexión da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo e contribúe á proxección turística e cultural da cidade, segundo se puxo de manifesto este mércores na sesión deste apertura deste foro, no marco dun acto presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias, quen salientou o “espírito reivindicativo” como unha das esencias dunha disciplina artística contemporánea que convida a reflexionar.
O programa ‘Pegadas no muro. Relatos e proxectos de arte urbana’, coordinado polas profesoras e investigadoras do Departamento de Historia da Arte da USC Miriam Elena Cortés e Patricia López Cupeiro, xurde con gran apoio institucional e social e en resposta ao grande apoxeo que está a experimentar nos últimos anos en Galicia este fenómeno artístico e social. Trátase dunha actividade que, segundo subliñou o decano da Facultade de Humanidades, Gonzalo Fernández Suárez, reforza os vínculos do centro coa súa contorna social.
A temática escollida para o Curso de Primavera da USC deste ano mereceu tamén os parabéns da deputada provincial delegada da área de Cultura, Iria Castro, para quen “a arte urbana fai revivir as cidades”. Neste mesmo senso, a concelleira Tareixa Ferreira destacou na apertura deste curso o potencial da arte urbana como reclamo turístico e como ferramenta para recuperar do esquecemento espazos e persoas. As últimas edicións dos premios Street Art Cities, nas que resultaron galardoadas obras de Sfhir, en Fene; Lula Goce, en Nigrán, e Yoe 33, en Lugo, testemuñan unha realidade sa avanzada en 2022, cando Diego As acadou o primeiro premio do certame cun retrato de Xulio César a carón da muralla romana de Lugo.
O crecente impacto que está a ter a arte urbana en Galicia e, particularmente, na capital luguesa, propiciou que a Facultade de Humanidades optara por analizar este fenómeno artístico dende diferentes perspectivas: artística, estética, histórica, social, didáctica, antropolóxica, xeográfica, comunicativa..., no marco desta nova edición do Curso de Primavera da USC, dixo Patricia Cupeiro, que reiterou o seu agradecemento a todas as persoas e entidades colaboradoras, así como aos expertos a nivel nacional e internacional que intervirán neste curso, entre os figuran Asunción Moreno, Adris Díaz, Antonio Alcántara ou Laura Luque. Xunto a estes especialistas, engadiu, están outros recoñecidos artistas da talla de May Rojas, Diego AS, Yoe 33 ou Pía Piadosa, ademais de promotores e organizadores de festivais de arte urbana en Galicia.
Miriam Cortés e Patricia Cupeiro salientaron asemade a especial implicación do sector artístico na celebración deste monográfico sobre arte urbana. O cartel do Curso de Primavera da USC 2024, obra de Primo Bansky, a ampla participación de relatores e a intervención artística comprometida por Doa Ora nos exteriores da Facultade de Humanidades, proban as sinerxías creadas entre os artistas e o centro universitario lugués, que está chamado a converterse nun polo de referencia para o desenvolvemento da cultura e da formación en xestión cultural. O programa desta nova edición do Curso de Primavera da USC conta tamén coa participación de docentes e persoal investigador da USC, que achegará a súa particular visión sobre a arte urbana. Todas as persoas inscritas neste actividade tamén poderán participar nunha conversa-taller coa artista Doa Oa, así como nun roteiro polos murais de Lugo, guiado por Elena Freire
Orixes
As orixes da pintura parietal conducen a escenarios moi antigos, pero estas manifestacións, aínda que con intencionalidade e mensaxes diferentes, teñen continuidade desde as pinturas rupestres ata a actualidade, indican estas investigadoras, ao tempo que subliñan que todas comunidades culturais atopan no muro un soporte para a expresión artística e para trasladar mensaxes. No caso galego, esta evolución impulsou nas últimas décadas o inicio dunha forte actividade no ámbito das industrias culturais, que atopan na arte urbana unha ferramenta axeitada para revalorizar espazos urbanos e para establecer novas relacións entre a veciñanza, apuntan.
A arte urbana, aínda que de xeito indirecto, está a conseguir dinamizar a oferta cultural de moitas cidades e zonas rururbanas en Europa. A creación de rutas culturais creadas arredor deste fenómeno reflexa a súa pegada e tamén dá conta do seu crecente impacto económico, comentan Cortés e Cupeiro. As coordinadoras do Curso de Primavera da USC lembran neste senso que as distintas sesións programadas contarán coa participación de moitos dos artistas galegos xa galardoados polas súas creacións, así como das persoas responsables da organización dos principais eventos e certames de arte urbana en Galicia. Alén desta cuestión local, o programa ‘Pegadas no muro: relatos e proxectos de arte urbana’, permitirá achegarse a experiencias europeas e iberoamericanas coma o muralismo mexicano, da man de Adris Díaz, ou as rutas turísticas de ‘Bogotá Colors’, da man de May Rojas.