Skip to main content

A USC conmemora os 50 anos da revolución do 25 de abril que deu inicio á democracia contemporánea en Portugal

Antonio López, esquerda, e Elias Feijó co cartel das xornadas. FOTO: Santi Alvite
Antonio López, esquerda, e Elias Feijó co cartel das xornadas. FOTO: Santi Alvite
Cinco xornadas na Facultade de Filoloxía abordan as relacións entre a cultura e a historia de terras galegas e lusas hai medio século a través de testemuñas dos acontecementos

“A USC iniciou anos atrás cunha serie de actividades a conmemoración do 25 de abril”, explicou este xoves o reitor da USC, Antonio López, na presentación das xornadas ’50 anos do 25 de abril’ no Colexio de San Xerome. López sinalou que este tipo de actividades serven para “manter o vínculo con Portugal e coa lusofonía” iniciado na Universidade compostelá coa creación, hai case un século, do Instituto de Estudos Portugueses na época do reitor Rodríguez Cadarso, e que supuxo “unha das primeiras vías de internacionalización da USC”.

A Revolución dos Caraveis, o levantamento militar do 25 de abril de 1974 en Portugal, denominado en portugués Revolução dos Cravos, derrubou nun día o réxime político ditatorial que existía no país veciño desde 1926. O decano da Facultade de Filoloxía, Elias Feijó Torres, asegurou que as xornadas que vai organizar este centro son “unha acción da facultade e da universidade”, pois “a USC non pode permanecer allea ao derrubamento dunha ditadura que iniciou un mundo democrático” tan próximo, e lembrou que están abertas tanto á comunidade universitaria como á cidadanía.

Programa
As cinco xornadas que compoñen o programa desenvolveranse desde o 23 de abril ata o 8 de maio. A primeira, o martes 23 de abril ás 13.00 horas, terá lugar na sala de graos de Filoloxía e nela a profesora Izabel Margato analizará os textos literarios que dalgunha maneira anticipaban a revolución antes de que sucedera.

O escritor e ex militar Xosé Fortes e a cineasta e catedrática de Comunicación Audiovisual da USC Margarita Ledo dialogarán con Áurea Sánchez e Joel Gômez o mércores 24 de abril ás 10.30 horas na sala de actos de Filoloxía sobre como se viviu o 25 de abril do outro lado do río Miño. A terceira xornada, coa que conclúe a parte do programa dedicada á cultura, comeza o xoves 25 de abril ás 10.30 na sala de actos de Filoloxía e consistirá na presentación do volume 50 anos de Abril na Galiza por parte dos coordinadores, Carlos Pazos-Justo e Roberto Samartim; ás 11.00 horas o músico e médico Rui Pato contará a súa experiencia de estudante cando nos anos 60 acompañaba como músico a José Afonso, o autor da canción ‘Grândola, Vila Morena’ que serviu para iniciar a mobilización do 25 de abril, e Adriano Correia de Oliveira, e as súas vivencias como médico militar que estivo nas rúas de Lisboa nesa data.

A segunda parte da programación, a dedicada á historia, iníciase o martes 7 de maio ás 12.00 horas en Filoloxía cunha charla co major general Pedro de Pezarat Correia, que explicará como o golpe militar se converteu nunha revolución. Ás 19.15 horas no Museo do Pobo Galego haberá un coloquio sobre as transicións ibéricas no que participarán Fernando Rosas, Nieves Lagares e Manuel de Artaza, moderado por Antón Losada. O mércores 8 de maio Fernando Rosas ofrece ás 11.00 horas na sala de actos de Filoloxía unha conferencia sobre a memoria histórica do 25 de abril, evento co que conclúe o programa de actividades.

 

The contents of this page were updated on 04.12.2024.