Skip to main content

O Campus Terra da USC avanza nas causas da resposta específica do gando vacún en infestacións con larvas de Hypoderma

Eva Cabanelas Dopazo
Eva Cabanelas Dopazo
A veterinaria Eva Cabanelas Dopazo optimiza técnicas de detección de citoquinas na súa tese doutoral, dirixida por Rosario Panadero, Ceferino Díaz e Pablo Díez Baños

A veterinaria Eva Cabanelas Dopazo pon a punto novas técnicas inmunolóxicas e moleculares orientadas a detectar as principais citoquinas implicadas na resposta inmune adaptativa do gando vacún infestado con larvas de Hypoderma. Os resultados das pescudas realizadas por esta investigadora ourensá formada no Campus Terra da USC están recollidos na tese de doutoramento ‘Desenvolvemento de novas técnicas inmunolóxicas e moleculares para a detección de citoquinas en gando vacún e a súa aplicación ao estudo da resposta inmune na hipordermosis bovina’, unha investigación dirixida polos profesores do Departamento de Patoloxía Animal da USC Rosario Panadero Fontán, Ceferino M. López Sández e Pablo Díez Baños, que tamén son membros do grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga).

Unha vez estandarizadas, as técnicas inmunolóxicas e moleculares postas a punto por Eva Cabanelas poderán ser empregadas por outros grupos de investigación dedicados ao estudo doutras enfermidades que afecten o gando vacún, segundo sinala a propia investigadora, quen, no marco da súa investigación de doutoramento tamén abordou mediante diversos ensaios in vitro, o efecto inmunomodulador dos antíxenos obtidos das larvas do parasito.

A hipodermose bovina é unha enfermidade producida por larvas dunha mosca que migran profundamente polos tecidos do animal. Trátase dunha miase amplamente distribuída no noso país e que figura entre as enfermidades parasitarias do gando vacún que ocasionan importantes perdas económicas a este sector gandeiro. A enfermidade afecta menos intensamente aos animais de máis idade polo que o esclarecemento dos mecanismos defensivos que desenvolve o gando fronte a este parasito permitiría acadar novas estratexias de loita, baseadas no uso de inmunomoduladores que estimulen adecuadamente as respostas do animal encamiñadas a reducir ou suprimir o desenvolvemento das larvas nos seus tecidos.

O obxectivo principal das pescudas desenvolvidas na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC consiste en identificar qué citoquinas están involucradas na resposta específica do gando vacún en infestacións con larvas de Hypoderma, así como establecer o seu patrón de liberación en distintas etapas de desenvolvemento do parasito en animais primo e reinfestados.

A escaseza de reactivos e kits de detección específicos para o gando vacún, sobre todo en comparación cos dispoñibles para humanos ou animais de experimentación, supoñen unha enorme dificultade á hora de estudar en profundidade a resposta inmune no gando vacún. Polo tanto, este estudo contribuirá a mellorar o coñecemento da resposta inmune na hipodermose e aportará ferramentas de grande utilidade para avanzar nos distintos aspectos da resposta inmune do gando vacún.

Unha parte do estudo levouse a cabo en colaboración con investigadores doutros centros de investigación coma o Institute of Virology and Immunology da Universidade de Berna (Suiza) onde Eva Cabanelas Dopazo completou unha estancia de investigación, e o laboratorio de Anatomía Patolóxica da Universidade de León.

Tribunal de tese e cualificación

A tese que vén de defender na USC Eva Cabanelas Dopazo mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude con mención internacional. O tribunal encargado de avaliar esta tese de doutoramento estivo presidido pola catedrática do Departamento de Patoloxía Animal na Facultade de Veterinaria da USC, María Patrocinio Morrondo Pelayo. Os profesores Antonio Scala, da Universitá degli Studi di Sassai (Cerdeña), e Valentín Pérez Pérez, da Universiade de León, completaron a composición do xurado.

The contents of this page were updated on 04.25.2017.