Skip to main content

O programa de conciliación Verán CampUSC abre o prazo de inscrición

O prazo de inscrición rematará o día 1 de maio. Foto: Santi Alvite
O prazo de inscrición rematará o día 1 de maio. Foto: Santi Alvite
A iniciativa está dirixida a fillos e fillas de membros da comunidade da USC e do público en xeral nados entre os anos 2011 e 2020

O programa Verán CampUSC 2024 abriu xa o seu prazo de inscrición, que rematará o día 1 de maio. A Fundación USC impulsa esta iniciativa de promoción da conciliación da vida laboral e familiar para rapaces e rapazas nados entre os anos 2011 e 2020 (ambos incluídos), que poderán coñecer unha importante base de actividades deportivas tradicionais e alternativas, ademais de realizar diferentes obradoiros, actividades e saídas culturais.

Dirixida tanto á comunidade universitaria da USC como o público en xeral, o programa terá lugar de luns a venres (agás festivos) de 8.45 a 14.45 horas e atópase estruturado en cinco quendas. A primeira delas do 24 ao 28 de xuño, a segunda do 1 ao 12 de xullo, a terceira do 15 ao 19 do mesmo mes, mentres que a cuarta esténdese do 22 ao 31 de xullo. A derradeira terá lugar do 2 ao 10 de setembro.  As prazas ofertadas serán 100 por quenda.

USC e Concello de Santiago de Compostela colaboran no desenvolvemento desta iniciativa na que todas as actividades están especialmente dirixidas ás idades e desenvolvemento psíquico-físico das persoas participantes e todas elas desenvolven tamén, de xeito transversal, valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, integración, hixiene e respecto ás normas.

 

Cartaz da convocatoria deste ano
Cartaz da convocatoria deste ano
The contents of this page were updated on 04.12.2024.