O CiQUS reúne por primeira vez o seu Comité Asesor Industrial
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC recibiu estes días a visita do seu Comité Asesor Industrial (Industrial Advisory Board, IAB) na que aproveitaron para reunirse coa directiva do CiQUS e o seu equipo de transferencia e coñecer as instalacións e o persoal investigador e técnico do centro. Este primeiro encontro serviu como toma de contacto e permitiu ademais mostralles os distintos desenvolvementos tecnolóxicos do CiQUS e intercambiar experiencias sobre as mellores prácticas en colaboración público-privadas.
O comité asesor está formado por sete profesionais de recoñecido prestixio en innovación e transferencia, clave para desenvolver a estratexia de transferencia do centro e impulsar a cooperación co tecido produtivo. Son Paul Burke (Burke Bioventures LLC), Santiago Domínguez (Bruker & Mestrelab Research), Jesús Castañon (Eli Lilly & co.), Carme Pampín (GalChimia), Ben Janeiro (ABCR Labs), Manuel Lolo (AMSlab) e Susana Torrente (AVTE USC).
Como explican dende o CiQUS, nos últimos anos o centro foi intensificando os esforzos para levar o coñecemento xerado no centro ao sector produtivo e á sociedade, poñendo en marcha un modelo baseado na valorización de resultados que fortaleceu tanto o emprendemento como a relación con empresas e centros. Deste xeito, distintas tecnoloxías do CiQUS obtiveron o apoio dos principais programas europeos, estatais e rexionais dirixidos a financiar a súa maduración e avanzar no desenvolvemento cara ao mercado.
A modo de exemplo, é de destacar que hai tan só un ano o proyecto TraffikGene conseguía unha axuda EIC-Transition para madurar a súa tecnoloxía, a única deste tipo que se concedeu en Galicia. A el hai que lle sumar 4 proxectos ERC Proof of Concept, 2 CaixaResearch, o éxito nos proxectos orientados á transición ecolóxica o outros 3 IGNICIA da Xunta de Galicia, dun dos cales xa xurdiu a empresa Celtarys.