Skip to main content

As oficinas de igualdade das universidades públicas galegas organizan unha xornada en liña sobre a submisión química e as violencias sexuais

O rexistro debe formalizarse en liña
O rexistro debe formalizarse en liña
Para participar neste encontro interuniversitario é preciso inscribirse previamente

A Oficina de Igualdade de Xénero da USC, xunto coas súas homólogas das universidades de Vigo e A Coruña, desenvolven o próximo xoves 18 de abril a II Xornada Universitaria Galega centrada na 'Submisión química e violencias sexuais'. O encontro, financiado polo pacto de Estado, comezará ás 10.00 horas e o seu seguimento será en liña, previa inscrición de balde.  

Logo da inauguración, o primeiro relatorio leva por título ‘A violencia sexual en espazos de ocio. Protocolos de abordaxe comunitario’ e correrá a cargo de Amaya I. Díez Rodríguez, técnica de prevención de Noctambul@s e experta no desenvolvemento de políticas públicas de prevención das violencias sexuais en espazos de lecer e outras formas de violencia machista.

A continuación, ás 10.40 horas, o director de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, Francisco José Aramburu Vilariño, explicará a actuación nos casos de submisión química nos centros hospitalarios e en concreto a súa experiencia no ourensán. En concreto, explicará como establecer un protocolo de actuación entre o Servizo de Urxencias do hospital, o Servizo de Análises clínicas de Traballo Social, as Forzas e Corpos de Seguridade, o Instituto de Medicina Legal e a Audiencia Provincial de Ourense para sistematizar o diagnóstico, tratamento e seguimento das vítimas de submisión química, a cal se asocia a agresións sexuais ou abuso de menores, así como roubos sobre todo a persoas maiores.

O acompañamento das vítimas de violencia sexual e submisión química será a charla, ás 11.00 horas, da psicóloga do Centro de Información da Muller de Ferrol con máis de 25 anos de experiencia en servizos sociais comunitarios Ana Cobo Fernández, e xa para rematar será a quenda da Asociación Faraxa, que se centrará na cuestión da trata e a submisión química. Faraxa ofrece apoio e atención especializada desde o ano 2009 a persoas en situación de prostitución, trata de seres humanos con fins de explotación sexual, mendicidade, laboral e vítimas de Violencia de Xénero. O peche da xornada está previsto para as 11.55 horas.

 

The contents of this page were updated on 04.15.2024.