A spin off do Campus Terra da USC 3edata participa en África nun proxecto da Alianza Mundial para a Calidade da Auga
A spin off do Campus Terra da USC 3edata participa nun proxecto da Alianza Mundial para a Calidade da Auga (WWQA) incluído no fluxo de traballo da Observación da Terra. Esta actuación, concibida como un proxecto semente do Programa de Medio Ambiente das Nacións Unidas el o Centro Común de Investigacións da Comisión Europea, pretende analizar a calidade da auga doce do lago Tanganica (África) e a súa evolución e cambios experimentados co paso do tempo, a partir da definición dun índice multimétrico baseado na aplicación de tecnoloxías de teledetección á monitorización de recursos hídricos.
A empresa de base tecnolóxica centrada na xestión de proxectos do sector agroforestal e medioambiental 3edata centrará a súa implicación no programa ‘OE ruta para o ODS 6.3.2’ no desenvolvemento dun indicador baseado na Observación da Terra, a fin de cumprir así cos requirimentos técnicos do citado indicador de desenvolvemento sostible, que integra varios parámetros sobre a calidade da auga nun índice composto que clasifica o estado da masa de auga piloto.
As diferentes actuacións contempladas ao abeiro deste proxecto, cuxos traballos se prolongarán ata o mes de setembro, pretenden xerar un mecanismo co deseñado con axentes locais e puntos focais, a xeito de indicador con aplicación global, que permita determinar se os esforzos a prol da mellora da calidade da auga están a funcionar.
A definición deste indicador por teledetección aplicada encádrase no sexto Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) -auga limpa e saneamento-, no que se establecen como retos a mellora da calidade da auga, o tratamento de augas residuais e o aproveitamento seguro para novos usos dos recursos hídricos, tal e como fixa o indicador 6.3.2 dos ODS, referido á proporción de masas de auga con boa calidade.
A spin off agromada na sede universitaria luguesa participa neste proxecto como integrante dun consorcio internacional liderado pola Universidade de Stirling (Escocia) e que reúne expertos de 9 entidades diferentes. De feito, a Universidade Libre de Bruxelas, a Universidade da Enerxía e os Recursos Naturais (Ghana), o King’s College de Londres, Geo AquaWatch, o Instituto flamenco de investigación tecnolóxica (VITO) e o Internacional de Análises de Sistemas Aplicadas (IASA), ademais das empresas Brockmann, e isardSAT, completan o grupo promotor desta acción de I+D+i.
A Alianza Mundial para a Calidade da Auga ten como obxectivo achegar a gobernos e outras entidades implicadas avaliacións, hipóteses, solucións, produtos e servizos baseados en evidencias sobre calidade da auga, a nivel global, rexional e local. Este ente foi creado en 2020 polas Nacións Unidas e o seu Programa de Medio Ambiente (UNEP), xunto co Centro Común de Investigación (JRC) da Comisión Europea. Esta Alianza conta con máis de 50 socios do sector público, privado e da sociedade civil.