Un equipo da USC gaña o concurso de programación universitaria AdaByron Galicia 2024

Un equipo da USC resultou o gañador da terceira edición do certame de programación universitaria AdaByron Galicia 2024, que se desenvolveu na ETSE e nos outros dous centros da Uvigo e da UDC que ofertan graos en Enxeñaría Informática.
O grupo da USC, conformado por Xiana Carrera Alonso, Pablo Díaz Viñambres e Pablo Landrove Pérez-Gorgoroso, fíxose co certame xeral, conseguindo resolver 9 dos 11 problemas, e á vez tamén foi o gañador da categoría para equipos de alumnado de cursos superiores.
A proba buscaba os mellores equipos universitarios de programación competitiva. Así, equipos de tres estudantes competiron en diferentes categorías segundo o seu curso de estudos. Participaron 24 grupos entre as tres sedes que durante as catro horas de concurso se enfrontaron a 11 problemas de diferente dificultade.
Os tres equipos gañadores -o da USC e outros dous da Universidade da Coruña- representarán a Galicia na X edición do Concurso Estatal que terá lugar a comezos de xullo na Facultade de Informática da Universidade Complutense de Madrid.
O certame, organizado polo CPEIG, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e as tres universidades galegas, estivo patrocinado por máis dunha ducia de empresas tecnolóxicas: Apser, AWS, Clúster TIC Galicia, Denodo, Dinahosting, DXC Technology, PuntoGAL, GDI, Mindata, Minsailt, NTTData, Oracle, Sixtema e Veritas.
Nesta competición mídense as habilidades e destrezas de programación dos estudantes universitarios. A proba é a antesala do certame internacional de programación ICPC (International Collegiate Programming Contest) no que equipos de tres participantes, representando a súa universidade, traballan para resolver “os problemas máis reais, fomentando a colaboración, creatividade, innovación e a capacidade de actuar baixo presión”.
O concurso leva o nome de Ada Byron, tamén coñecida como Ada Lovelace, matemática e escritora británica do século XIX, célebre polo seu traballo acerca da computadora mecánica.