Skip to main content

Dios Ke te Crew, Boyanka Kostova e Cool Nenas, no Composfest 2024

De esquerda a dereita, Javier Martín, Pilar Lueiro, Antonio López e Miguel Fernández. Foto: Concello de Santiago
De esquerda a dereita, Javier Martín, Pilar Lueiro, Antonio López e Miguel Fernández. Foto: Concello de Santiago
Esta segunda edición do festival conta de novo co apoio da USC

O venres 10 de maio chegará á Praza da Quintana unha nova edición do Composfest, o festival musical promovido pola SD Compostela e o Concello de Santiago e que conta co apoio da USC. Nesta ocasión, subirán ao escenario Dios Ke te Crew, Boyanka Kostova e Cool Nenas.

A iniciativa foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa en Raxoi na que participou o reitor Antonio López; a concelleira de festas, Pilar Lueiro; o responsable da área de educación de LENOVO, Javier Martín; e o xerente da SD Compostela, Miguel Fernández.

Co ComposFest as entidades promotoras pretenden darlle a maior visibilidade posible a proxectos musicais que, ou ben están formados por xente de Compostela, ou ben desenvolven a súa actividade artística nesta cidade. Tras unha primeira edición que apostaba polo pop/rock, chega agora unha segunda entrega que dá protagonismo ás músicas máis urbanas da man do trap de Boyanka Kostova, o rap de Dios Ke Te Crew e o DJ set de Cool Nenas.

O festival dará comezo ás 21 horas, con entrada libre e de balde ata completar a capacidade da praza. Ademais da USC, o evento conta co apoio de Adidas e Hyundai Hyupersa Santiago, o patrocinio de Lenovo e a organización de Correveydile.

 

Cartaz do evento
Cartaz do evento
The contents of this page were updated on 04.16.2024.