Skip to main content

Jesús Salgado, novo decano de Relacións Laborais: “Sentímonos orgullosos do camiño que estamos a percorrer”

Jesús Salgado Velo, novo decano de Relacións Laborais
Jesús Salgado Velo, novo decano de Relacións Laborais
O catedrático tomou posesión do seu cargo como decano dunha facultade das máis destacadas de España pola súa ampla oferta educativa nesta disciplina

A Facultade de Relacións Laborais é “moi nova, pouco máis dunha decena de anos, pero ao mesmo tempo ten unha historia e unha tradición de máis de oitenta debido a que os estudos de relacións laborais e recursos humanos, con denominacións diferentes iniciáronse a principios da década dos corenta do século XX, cando a Escola de Graduados Sociais era dependente do Ministerio de Traballo”. Así o lembraba este martes 16 o catedrático Jesús Salgado Velo no acto institucional de toma de posesión como decano do centro, que foi presidido polo reitor da USC Antonio López, a quen acompañaron na mesa presidencial a secretaria xeral da USC Dulce María García Mella e a decana saínte do centro, Silvia Moscoso Ruibal.

Na súa intervención, o reitor Antonio López agradeceulle ao novo equipo que asumise o reto de liderar a facultade nos próximos anos, xa que o traballo de xestión “é imprescindible" e evidencia a autonomía universitaria. O reitor igualmente destacou o esforzo realizado nestes últimos anos na posta en marcha desta facultade e o necesario paso de desenvolver investigación propia, algo que repercutirá na actividade docente do centro, xa que é unha achega á remuda xeracional a través do persoal que se inicia na etapa de tese.

Neste senso, Jesús Salgado sinalou que “hoxe a nosa facultade é unha das máis destacadas de España. E aínda que sei que non son totalmente obxectivo, si hai indicadores para apoiar a devandita opinión. Por exemplo, é a Facultade que lidera o único programa de Doutoramento en Relacións Laborais e Recursos Humanos que existe en España, programa interuniversitario coas universidades da Coruña, Oviedo e Zaragoza. Ningunha outra universidade española ofrece un Programa de Doutoramento en Relacións Laborais”.

Igualmente, asegurou, “é a única Facultade de Relacións Laborais española na que está residenciada unha revista internacional incluída en JCR. Temos proxectos de investigación competitivos dos plans nacionais e contamos con grupos de excelencia competitiva da Xunta de Galicia. Por iso, cando nos comparamos con outras facultades, sentímonos orgullosos do camiño que estamos a percorrer e dos nosos progresos”.

O equipo decanal complétase coas vicedecanas Silvia Moscoso -anterior decana- e Dámaris Cuadrado e o secretario Alejandro Villanueva. A decana saínte, Silvia Moscoso, explicou que nos últimos catro anos viviu unha situación inédita que representou “todo un reto”, sinalou, en referencia á xestión vivida ante a COVID-19. Como balance, destacou que esta facultade creceu de xeito constante durante os últimos anos e actualmente consolidouse, froito do traballo dos equipos de dirección que a precederon nas últimas décadas.

Currículo

Jesús Salgado Velo foi elixido decano da Facultade de Relacións Laborais o pasado mes de novembro, un mes despois de que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) lle outorgara a Medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais. Tamén foi galardoado en 2022 co Premio Nacional de Psicoloxía ‘José Luis Pinillos’.

O catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC lidera o grupo de investigación en Recursos Humanos e Rendemento. Os seus principais temas de traballo inclúen a predición do desempeño no traballo a través de variables de diferenzas individuais, o uso de ferramentas psicolóxicas nos procesos de selección de persoal e o estudo de factores determinantes do benestar no traballo. Tamén desenvolveu investigacións cross-culturais, empregando evidencia empírica obtida en organizacións laborais dos cinco continentes. Algúns dos seus artigos metodolóxicos foron empregados en investigacións de disciplinas tan dispares como nutrición, epidemioloxía, criminoloxía, cambio climático, bioloxía termal, oftalmoloxía, lingüística, pediatría, tráfico e seguridade viaria e investigación sobre a enfermidade de Alzheimer.

 

The contents of this page were updated on 04.16.2024.