Skip to main content

O Cretus da USC participa na primeira xuntanza do proxecto internacional REDUCE

A USC lidera o paquete de traballo de planificación espacial mariña
A USC lidera o paquete de traballo de planificación espacial mariña
O obxecto é reducir a captura accidental de megafauna mariña no Océano Atlántico Centro-Oriental

O grupo da USC que participa no proxecto REDUCE ‘Redución das capturas accesorias de megafauna mariña ameazada no Atlántico Centro-Oriental’ asiste estes días en Barcelona á reunión de planificación do marco de colaboración e de fixación das actividades de investigación a desenvolver no próximo período. O obxectivo xeral do proxecto REDUCE, que acaba de iniciarse e prolongarase durante catro anos, é abordar o reto da conservación mariña e a xestión sostible da pesca concretándose na busca de solucións para reducir a captura accidental de megafauna mariña no Océano Atlántico Centro-Oriental.

A Universidade de Santiago é unha das 13 socias deste proxecto internacional a través do Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), coa participación do profesor investigador de Oportunius Sebastián Villasante e a doutora Gill Ainsworth, ambos os dous presentes no encontro, ademais dos profesores Javier Seijo e Manel Antelo e a investigadora Antía Campos. Concretamente, a USC lidera o paquete de traballo de planificación espacial mariña.

Ao longo dos tres días da xuntanza, as entidades investigadoras traballarán no intercambio de coñecementos sobre o Marco Horizonte Europa e os marcos xurídicos pertinentes para a captura accidental de especies de megafauna ameazadas, á vez que compartirán información contextual crucial sobre os caladoiros de augas afastadas e a xestión pesqueira nos que faenan as flotas europeas, así como sobre o estado dos ecosistemas mariños na zona do Océano Atlántico Centro-Oriental (ECAO).

Está previsto que as delegadas e delegados no encontro reflexionen tamén sobre a integración dos datos de capturas accesorias das flotas europeas na rexión ECAO, xunto coa información sobre esforzo pesqueiro e distribución de especies, para abordar os retos políticos necesarios. Como cuestións concretas, tratarán a mellora dos programas de observadores, o seguimento electrónico e a intelixencia artificial para proporcionar datos de alta resolución e unha mellor comprensión dos factores que impulsan as capturas accesorias.

The contents of this page were updated on 04.24.2024.