Skip to main content

O plan de formación complementaria do Campus Terra ofrece unha decena de actividades até finais de maio

Edificio Cactus de Lugo
Edificio Cactus de Lugo
Un seminario sobre estudos computacionais e simulacións en Bioquímica abre este venres na Facultade de Ciencias o abano de programas de formación especializada deseñado para ampliar as competencias de alumnado, PDI e axentes produtivos
Lugo

O plan de formación complementaria deseñado polo Campus Terra da USC, un campus de especialización, financiado pola Consellería de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades, ofrece até finais de maio unha decena de actividades, a través das que pretende ampliar as competencias do seu alumnado e PDI, así como do tecido empresarial e dos axentes produtivos. A grella de cursos, seminarios e obradoiros ofertados responde a unha oferta formativa de participación libre e gratuíta e, aínda que a matrícula nalgún dos módulos específicos programados ten un número de prazas limitado, a inscrición permanece aberta en liña.

O seminario sobre estudos computacionais e simulacións en Bioquímica, coordinado por Enrique Cabaleiro e impartido por Juan José Nogueira, abre este venres, ás 11.00 horas, na Facultade de Ciencias, esta nova palestra formativa. As persoas inscritas neste seminario poderán ampliar coñecementos sobre o emprego de ferramentas de simulación computacional para levar a cabo unha análise detallada do funcionamento dos procesos bioquímicos, ao tempo que tamén coñecerán varios casos prácticos nos que se aplicaron recentemente estas ferramentas no grupo de investigación MoBioChem (www.mobiochem.com) da Universidade Autónoma de Madrid.

A xornada sobre software libre para uso científico, un foro promovido pola asociación MeLISA e financiado por Amtega que se desenvolverá o 23 de abril na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE), e os cursos sobre a última evolución en análise web de aplicacións de Google Analytics, que se celebra ao día seguinte na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, e de iniciación a Docker, un programa que tamén bota a andar o próximo mércores na EPSE, completan a programación prevista para a próxima semana ao abeiro do plan de formación complementaria do Campus Terra. Este programa continúa o 29 de abril tamén na EPSE con outro módulo sobre edicións de documentos e presentacións en LaTEX.

O seminario ‘Cruzando camiños na oncoloxía. Cancro animal e humano dende a perspectiva One Health’, coordinado por Maribel Quiroga e impartido pola catedrática a catedrática de Anatomía Patolóxica Veterinaria Laura Peña Fernández, e unha masterclass sobre cortes singulares de carne de vacún da IXP Ternera Gallega, trasladan o plan de formación complementaria do Campus Terra ás facultades de Veterinaria e Ciencias, respectivamente, a comezos do mes de maio, cando tamén está programada a celebración dun obradoiro sobre análise sensorial de produtos lácteos na Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias.

Inscrición

O prazo de inscrición en calquera das accións incluídas no programa de formación do Campus Terra xa permanece aberto, polo que as persoas interesadas poden realizar xa a súa matrícula de balde a través do formulario habilitado en liña. As prazas ofertadas en cada para cada unha das propostas formativas están limitadas e o proceso de admisión dará prioridade ás persoas ligadas ao Campus Terra.

Os membros da comunidade universitaria do Campus Terra, en particular, e da USC, nun contexto máis amplo, poden tamén obter máis información respecto desta oferta de formación a través dos números de teléfono 982822854/22860 ou tamén no enderezo de correo electrónico campus.terra [at] usc.es (campus[dot]terra[at]usc[dot]es).

 

The contents of this page were updated on 04.18.2024.