Skip to main content

CAPRIF-CC dá en Santiago os seus primeiros pasos a prol da activación económica do rural en Galicia e Asturias

Asistentes ao Seminario de Inicio do proxecto CAPRIF-CC
Asistentes ao Seminario de Inicio do proxecto CAPRIF-CC
O Centro de Estudos Avanzados acolleu o Seminario de Inicio do traballo deste consorcio no que a USC participa a través da Fundación Centro de Estudos Eurorexionais Galicia - Norte de Portugal

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse este venres no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.

A xornada comezou coa presentación do equipo do proxecto e a presentación técnica e a continuación tivo lugar unha mesa redonda entre representantes de comunidades de montes. O proxecto CAPRIF-CC ‘Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático’ traballará durante case dous anos en prol da activación económica de zonas rurais do noroeste da Península Ibérica. En concreto, perséguese a dinamización laboral no ámbito forestal e nos usos multifuncionais do monte en Galicia e Asturias. O consorcio no que participa a USC a través da Fundación Centro de Estudos Eurorexionais Galicia - Norte de Portugal (FCEER) tivo a principios de ano a súa xuntanza de lanzamento na que se constituíu o comité científico con persoal investigador das universidades galegas que actuará en servizo das comunidades rurais do proxecto.

Así, CAPRIF-CC abordará a conservación de ecosistemas forestais biodiversos, resilientes e adaptados ao cambio climático mediante prácticas de selvicultura próximas á natureza e prácticas de restauración adaptativa nunha contorna de cocreación participativa. Outra das cuestións sinaladas na folla de ruta do proxecto consiste no impulso de modelos de planificación e xestión forestal innovadores que incorporen os obxectivos de adaptación ao cambio climático e de fomento da biodiversidade.

O consorcio tamén tratará o fomento da cohesión social e a gobernanza participativa na xestión forestal sostible e a conservación da natureza, promovendo a constitución dunha Rede que facilite o intercambio e a replicabilidade de experiencias exitosas no incremento da calidade de vida e a xeración de riqueza para as poboacións locais. A implementación de modelos de economía verde e actividades xeradoras de externalidades positivas relacionadas coa xestión forestal sostible a través de investimentos privados que consideren a valoración económica dos servicios ecosistémicos e sistemas de pagamento que viabilicen a xestión e a restauración forestal activa cun enfoque de biodiversidade, auga e prevención de incendios, será outra das cuestións abordadas.  

Para acadar os obxectivos formulados e para promover un aproveitamento multifuncional e sostible, o proxecto CAPRIF-CC persegue a implicación dos axentes de toda a cadea de valor forestal e fomentará, especialmente, aqueles aproveitamentos que xeren unha maior e mellor protección do territorio tanto fronte a incendios forestais, como resilencia fronte ao cambio climático. A creación dunha rede de ‘Living-Labs’ de innovación aberta, a identificación dos actores relevantes en eidos chave para o proxecto, a elaboración de mapas de talento, visitas de campo, sesións formativas e/ou participativas para a cocreación, aproveitando tamén tecido de redes, conforman o núcleo das actividades do CAPRIF-CC.

O proxecto CAPRIF conta coa participación da Fundación Juana de Vega (FjdV), a Fundación CEER (FCEER), A Fundación Montescola, a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e CETEMAS (Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira). O proxecto recibe o apoio da Fundación Biodiversidad  do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

A vicerreitora María José López Couso, segunda pola dereita, inaugurou o encontro
A vicerreitora María José López Couso, segunda pola dereita, inaugurou o encontro
The contents of this page were updated on 04.19.2024.