Skip to main content

O prazo de inscrición no XI Encontro da Mocidade Investigadora remata o 10 de maio

Imaxe do encontro da edición de 2023. Foto: Santi Alvite
Imaxe do encontro da edición de 2023. Foto: Santi Alvite
O encontro desenvolverase en xuño na Facultade de Psicoloxía da USC

O alumnado de doutoramento das tres universidades galegas reuniranse os días 10 e 11 de xuño na Facultade de Psicoloxía da USC para participar no XI Encontro da Mocidade Investigadora. Este evento desenvólvese dende o ano 2012 co propósito de favorecer as dinámicas de colaboración, debate e difusión do coñecemento xerado entre ese estudantado.

O XI EMI está organizado por investigadores e investigadoras das Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, e o único requisito para participar é ter formalizada a matrícula en calquera programa de doutoramento dalgunha destas universidades. As persoas participantes terán a oportunidade de asistir e facer as súas contribucións a este evento, que durante dous días ofrecerá sesións de relatorios, pósters e mesas redondas.

O obxectivo é dar a coñecer as principais temáticas de cada campo de investigación, o que sen dúbida constituirá unha experiencia enriquecedora para todas aquelas persoas que se animen a participar. Así mesmo, o programa contempla a entrega de premios á mellor comunicación de cada área de investigación (Artes e humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura).

 

A inscrición remata o 10 de maio
A inscrición remata o 10 de maio
The contents of this page were updated on 04.22.2024.