A USC súmase ao Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor con condicións especiais nas compras de Edicións USC
Ata o 30 de abril, a comunidade universitaria poderá adquirir libros cun desconto especial do 30%
Coincidindo co Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor o 23 de abril, a Universidade de Santiago, a través de Edicións USC, quere dinamizar entre a comunidade universitaria a actividade editorial propia, ofrecendo entre os días 23 e 30 de abril unhas condicións especiais en calquera título da Libraría Dixital da USC.
Os exemplares poderán ser adquiridos pola comunidade universitaria (PDI, PAS e estudantado) cun desconto especial do 30%, ben presencialmente en horario de 9 a 14:00 h no punto de venda da editora (Casa Gradín, Campus Vida) ou ben a través da venda en liña na propia libraría dixital.
Na actualidade, o fondo vivo de libros de Edicións USC supera os mil títulos comercializados, distribuídos en máis de cincuenta coleccións.