Skip to main content

O 30 de abril finaliza o prazo para presentar propostas á sétima edición do Premio Porteiro Garea

O premio vai xa pola sétima edición
O premio vai xa pola sétima edición
A iniciativa recoñece publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade

O Premio Luís Porteiro Garea alcanza a súa sétima edición reafirmando a súa vontade de recoñecer publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade. A presentación de candidaturas permanece aberta ata o 30 de abril. O premio lembra e homenaxea a figura de Luis Porteiro Garea, profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala que pronunciou o 16 de setembro de 1915 no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego da que se ten constancia.

A convocatoria busca distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasadas da USC, que contribuíran á normalización da lingua galega na propia USC ben polo emprego habitual da linguas nas actividades cotiás da universidade especialmente cando fora de forma pioneira; ben pola achega á promoción do idioma ou á galeguización de ámbitos ou actividades concretas; polo estudo e difusión da lingua; ou calquera outra intervención no proceso de normalización lingüística na USC.

As candidaturas poderán ser propostas por calquera persoa, entidade ou colectivo dirixidas ao Servizo de Normalización Lingüística a través do rexistro electrónico da USC.  O premio terá carácter de distinción pública que se entregará nun acto público a desenvolver arredor do mes de setembro de 2024 coincidindo co aniversario da lección pronunciada polo profesor Porteiro Garea.

En anteriores edicións recibiron este recoñecemento Manuel Bermejo Patiño, Xosé Antonio Gómez Segade, Antón Costa Rico, Antonio Rigueiro, Xosé Manuel Beiras e Margarita Ledo Andión.

 

The contents of this page were updated on 04.24.2024.