Skip to main content

A profesora Luz Couce recolle en Fonseca o XXIII Premio Nóvoa Santos

A profesora Luz Couce. Foto: Asomega
A profesora Luz Couce. Foto: Asomega
Asomega concédello por ser “o máximo expoñente da neonatoloxía galega”

A profesora da USC e directora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), Luz Couce, recolle este venres no Colexio de Fonseca o XXIII Premio Nóvoa Santos que concede a Asociación de Médicos Galegos Asomega. A laudatio de Luz Couce corre a cargo do catedrático de Medicina Legal da USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, gañador á súa vez do Premio Nóvoa Santos en 2009.

Na súa decisión, o xurado do premio puxo en valor que a profesora do Departamento de Ciencias Forenses, Anatomía Patolóxica, Xinecoloxía e Obstetricia e Pediatría da USC "constitúe o máximo expoñente da neonatoloxía galega, cunha gran proxección tanto no eido estatal como internacional”.

“Ademais da súa excepcional traxectoria docente e investigadora avalada por máis de 300 publicacións, 33 proxectos competitivos como investigadora principal e 7 rexistros de propiedade intelectual -prosegue o xurado- consideramos particularmente meritorio o seu compromiso coa sociedade e o seu liderado na xestión da investigación en Galicia".

Desde a pasada edición do Nóvoa Santos, que recaeu en Pilar Rodríguez Ledo, a persoa gañadora recibe a metade dos 12.000 euros do premio e ten que elixir a que proposta dun novo investigador ou investigadora destina outro 25% da contía e a que proxecto solidario o resto. Nesta ocasión, a doutora Couce elixiu a Rosaura Picáns, nova investigadora que está desenvolvendo un proxecto de estudo e caracterización de vesículas extracelulares no leite materno, e á Fundación Andrea de apoio a nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais e as súas familias.

 

The contents of this page were updated on 04.26.2024.