Skip to main content

A música como medio de concienciación social, unha experiencia da USC no CEIP López Ferreiro

A música como medio de concienciación social, unha experiencia da USC no CEIP López Ferreiro
A música como medio de concienciación social, unha experiencia da USC no CEIP López Ferreiro

Con motivo da celebración do Día da Terra este sábado 22 de abril, alumnado da materia de Música na Educación Primaria da Facultade de Ciencias da Educación da USC desenvolveu no CEIP López Ferreiro o ‘Proxecto Terra’ para fomentar a concienciación ambiental do alumnado dunha maneira lúdica e creativa, empregando a música como nexo de unión coa natureza.

Esta acción educativa está directamente relacionada coa temática da tese de doutoramento da docente da Facultade Laura Tojeiro, subvencionada pola Xunta de Galicia, que leva por título ‘A música como recurso didáctico para a educación ambiental: análise da realidade e perspectivas na Comunidade Autónoma de Galicia’.

“Dado o gran valor económico e social que teñen para a nosa comunidade os recursos naturais –e xplica–, o sistema educativo debe saber responder a esta problemática promovendo a concienciación ambiental en todas as materias”. Especificamente, engade, a música constitúe “un medio de expresión e comunicación que emociona e sensibiliza a todas as persoas, de xeito que constitúe un medio idóneo para este fin”.

Valores culturais e ambientais
Proxecto Terra consistiu en achegar actividades que mesturan música e natureza, tanto ao alumnado da universidade coma dos colexios. Para iso formulouse unha experiencia Aprendizaxe-Servizo (ApS), na que os futuros mestres aprenden impartindo docencia nun centro ao tempo que prestan un servizo á comunidade educativa ao tratar temáticas que integran conxuntamente valores culturais e ambientais.

A intervención no colexio compostelán comezou o pasado martes e estenderase ata este luns 24. As actividades desenvolvidas mesturan a escoita dos sons da natureza, a construción de instrumentos con materiais reciclados, a toma de conciencia sobre a contaminación acústica e o tratamento dos problemas ambientais que afectan máis directamente á nosa contorna, como os incendios, a plantación excesiva de eucaliptos, a contaminación das praias ou a falta de coidado dos bosques, etc. Todo a través de cancións, bailes, sonorizacións, ritmos e movemento.

As actividades foron deseñadas polo alumnado da universidade, seguindo a liña temática do Proxecto Terra e adaptándoas ás diferentes idades e grupos participantes. Polo tanto, todas as clases que se ofrecen durante esta Semana da Terra son diferentes, cada unha centrada nunha temática concreta, só co nexo de unión xeral da canción Moving de Macaco, arredor da que se gravará finalmente un vídeo que servirá para a difusión dos valores promovidos con esta iniciativa.

The contents of this page were updated on 04.21.2017.