Skip to main content

Reúnen nun mapa interactivo materiais didácticos elaborados en Galicia para seren empregados como recursos educativos por profesionais da educación

A presentación de GALIMPA tivo lugar en Ciencias da Educación
A presentación de GALIMPA tivo lugar en Ciencias da Educación
Galimap presentouse na USC nun acto no que participou o estudantado do 2º curso de Educación Social, implicado nesta iniciativa

Máis de trescentos materiais de todo tipo, dende libros e contos ata cadernos de campo e guías didácticas, pasando por aplicacións móbiles e xogos, conforman o GALIMAP, un mapa interactivo con materiais didácticos elaborados por persoas e institucións de Galicia para seren empregados como recursos educativos por profesionais da educación, especialmente da Educación Social, que se presentou esta semana na Facultade de Ciencias da Educación.

O proxecto ‘GALIMAP: Mapa interactivo dos Materiais Didácticos Sociocomunitarios dos Concellos de Galicia. Unha proposta dende a Educación Social’ xurde no marco da primeira convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa dirixida ao profesorado da Facultade de Ciencias da Educación da USC e estivo liderado polos docentes Jesús Rodríguez Rodríguez, Josefa del Carmen Fernández de la Iglesia, Silvia López Gómez e Ana Rodríguez Guimeráns.

Galimap compleméntase coa páxina web do proxecto, videos e diferentes contidos en redes sociais e xogos dixitais.

A selección dos materiais foi realizada polo estudantado da materia ‘Experiencias e Recursos en Educación Social’ e os recursos para a difusión deste proxecto son obra do alumnado de ‘Tecnoloxía Educativa’, ambos os dous do segundo curso do Grao en Educación Social da USC.
 
A presentación, presidida pola vicedecana da Facultade de Ciencias da Educación, María López Sández, contou tamén coa participación do profesorado das materias, das alumnas Raquel Blanco e Laura Manuela Cernadas, das profesoras da Universidade de Vigo Sara Martínez Carrera e María Cristina Sánchez Martínez e de Montse Sánchez en representación do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

Entre as persoas asistentes, ademais de alumnado acudiu profesorado do centro, gran parte do equipo decanal e representantes doutras institucións como Nova Escola Galega e o grupo Cavila.

 

The contents of this page were updated on 05.02.2024.