Ciencias da Educación recibe o recoñecemento da Asociación Copegal polos 50 anos de Pedagoxía
A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) reciben este mércores o recoñecemento profesional que lles outorga a Asociación Copegal, no marco do seu segundo congreso anual, polo seu compromiso coa educación e a pedagoxía ao longo dos últimos 50 anos.
Copegal, Asociación Pro Colexio Profesional de Pedagoxía e Psicopedagoxía de Galicia nacida en 2018, ten como lema do encontro ‘Facendo pedagoxía 50 anos’ e outórgalle o recoñecemento especial á Facultade de Ciencias da Educación da USC “en conmemoración dos seus 50 anos de excelencia académica na formación de profesionais da Pedagoxía en Galicia”, pois o centro é recoñecido “como o berce e a casa da Pedagoxía en Galicia, desempeñando un papel fundamental no desenvolvemento e promoción da educación na comunidade galega”. O recoñecemento á UNED é tamén polos seus “50 anos de compromiso coa educación a distancia”.
O II Congreso de Pedagoxía reúne profesionais e estudantado do ámbito educativo para compartir coñecementos, experiencias e reflexións sobre o presente e o futuro da Pedagoxía en Galicia. A inauguración realizarana este mércores 8 de maio ás 09.00 horas no edificio do Campus Sur a decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Mar Lorenzo Moledo; a coordinadora do grao en Pedagoxía, María Isabel Dans Álvarez e a presidenta de Copegal, Paula Suárez Gullón.
Contará con conferencias, mesas de debate e con dous obradoiros prácticos, ofrecendo unha plataforma para a aprendizaxe, a procura de emprego e o intercambio de ideas. Desde a USC Rosario García presenta a partir das 10.00 horas a área de Orientación Laboral e Emprego da Universidade. Noutras das intervencións abordaranse as saídas profesionais no ámbito da Pedagoxía, o funcionamento dos departamentos de Orientación e a orientación escolar en distintos espazos educativos, desde as aulas hospitalarias ata a realidade doutros sistemas educativos.