O papel da educación na transición ecosocial, a debate esta semana na USC

O grupo de investigación Terecira Xeración da USC desenvolveu toda esta semana na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur as X Xornadas de Educación para a Cidadanía Global ‘Horizontes comúns: transicións cara a transformación’ na que participan preto de 300 persoas.
Estar xornadas chegan así á súa décima edición centrada no papel da educación na transición ecosocial, tomando en conta os diferentes enfoques e a través de diferentes obradoiros e a conferencia final deste venres 10.
Os obradoiros estiveron liderados polo estudantado do 1º curso do grao en Educación Social e do 1º e 3º curso do Grao en Pedagoxía. Cada un destes grupos leva todo o semestre formándose e deseñando unha intervención educativa para as xornadas e para distintos centros educativos, no marco dos proxectos de investigación ‘Defender a quen defende: mulleres defensoras de dereitos’ e ‘ODS4. Reivindicando o dereito á Educación dende o enfoque da EDSCG’, o primeiro en colaboración con Solidariedade Internacional de Galicia e o segundo coa Campaña Mundial pola Educación en Galicia.
Xornada do venres
Este venres 10 ten lugar unha sesión plenaria en liña, na que a directora da Cátedra UNESCO de Educación Ambiental e Desenvolvemento Sustentable da UNED, María José Bautista-Cerro Ruiz, abordará o papel da educación ante o desafío da(s) transición(s) ecosociais que enfrontamos na actualidade.
A continuación, explican os seus proxectos no ámbito da educación as entidades Campaña Mundial pola Educación, a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), Solidariedade Internacional de Galicia, a Fundación InteRed, Ayuda en Acción e a Fundación EDUCO.
