Skip to main content

Premio para a achega da psicoloxía á formación multidisciplinar no ámbito da enxeñaría química

O profesor Dámaso Rodríguez Fernández recibiu o Premio Leonardo á docencia 2022/2023
O profesor Dámaso Rodríguez Fernández recibiu o Premio Leonardo á docencia 2022/2023
A contribución de D. Dámaso Rodríguez Fernández, profesor de psicoloxía do traballo e das organizacións, á formación multidiscipinar en enxeñaría química goza da gratitude constante do estudantado. O profesor recibiu un novo Premio Leonardo, nesta ocasión pola súa docencia no curso 2022/2023
Santiago de Compostela

 

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC celebrou a súa festividade o pasado 11 de abril, cun acto presidido polo Vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación.

Coma en cada edición, o programa incluíu a entrega de varios diplomas aos mellores expedientes e a estudantes que destacaron polos seus traballos de fin de grao e de fin máster no curso 2022/2023.

O Día da Enxeñaría honra a Leonardo da Vinci, no aniversario do seu nacemento o 15 de abril de 1452. Precisamente, a entrega dos Premios Leonardo á docencia e á investigación é outra compoñente do programa do acto, do que saíron galardoados varios membros do profesorado, entre eles D. Manuel Dámaso Rodríguez Fernández.

O profesor Dámaso Rodríguez Fernández é titular do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía. Especializado na psicoloxía do traballo e das organizacións, colabora no Grao en Psicoloxía e no Máster Universitario en Psicoloxía. E vén participando dende os inicios no Máster Universitario en Enxeñaría Química e Bioprocesos,

Este título obtivo a Mención de Excelencia 2023, que a Xunta concede a titulacións oficiais de mestrado do Sistema Universitario de Galicia, e conta coa acreditación do Institute of Chemical Engineers. O profesor Dámaso Rodríguez contribúe ao plan de formación multidisciplinar do mestrado dentro do módulo de Dirección e Xestión Empresarial, cunha materia obrigatoria sobre habilidades directivas. O seu labor é digno de constante gratitude, reeditada da man dun bo número de xeracións de posgraduadas e posgraduados.