Skip to main content

Ciencias da Educación analiza os seus estudos de doutoramento nun simposio co gallo do 50 aniversario dos estudos de Pedagoxía

O simposio inaugurouno o reitor Antonio López. Foto: Santi Alvite
O simposio inaugurouno o reitor Antonio López. Foto: Santi Alvite
Baixo o lema ‘Coñecemento e acción transformadora’, o encontro desenvólvese ata o xoves 16

Con motivo da celebración dos 50 anos dos estudos de Pedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela, a Facultade de Ciencias da Educación, xunto co Departamento de Pedagoxía e Didáctica e o Instituto de Ciencias da Educación (ICE), organizan esta semana o Simposio Internacional sobre o Doutoramento en Educación ‘Coñecemento e Acción Transformadora’.

Entre outros obxectivos, o persoal investigador do ámbito da educación analizará a situación e perspectivas do doutoramento no marco da Sociedade do Coñecemento. Ademais, dialogarase sobre a relevancia e calidade dos programas de doutoramento, estudaranse as súas distintas modalidades, e xeraranse espazos de debate e participación do estudantado de doutoramento en Educación.

A sesión inaugural presidiuna esta mañá na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur o reitor Antonio López e contou ademais  coas intervencións de José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia; Mar Lorenzo Moledo, decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC; Carmen Fernández Morante, directora do Instituto de Ciencias da Educación da USC; Pablo Taboada Antelo, director da Escola de Doutoramento Internacional da institución compostelá (EDIUS) e Miguel A. Santos Rego, profesor da USC e presidente do Comité Organizador do Simposio. Logo da apertura, tivo lugar a conferencia ‘Doutoramento e Liderado en Educación: xestionar a incerteza’ a cargo da profesora da Universidade de Helsinki (Finlandia) Kirsi Pyhältö.

O simposio continúa con numerosas mesas de comunicacións e paneis sobre as novas rutas na formación dos Programas de Doutoramento en Educación e o prestixio e rendibilidade laboral dos estudos. O xoves 16 haberá ademais a conferencia do profesor Santos Rego ‘O Doutoramento Profesional en Educación ou como facer Investigación baseada na práctica’ e a de clausura, ás 12.30 horas, a cargo de Isabel Menezes, da Universidade de Porto (Portugal), e titulada ‘O Doutoramento en Educación: un título ou un recurso de construción dunha cidadanía académica?’.

No encontro participa numeroso profesorado. Foto: Santi Alvite
No encontro participa numeroso profesorado. Foto: Santi Alvite
Persoas asistentes ao simposio. Foto: Santi Alvite
Persoas asistentes ao simposio. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 05.15.2024.