Irene Montemuíño e Tomás Fernández revalidan os títulos do Campionato de España Universitario de Taekwondo
O equipo da Universidade de Santiago obtivo dúas medallas de ouro no Campionato de España Universitario de Taekwondo que acaba de ter lugar en Toledo, revalidando os triunfos obtidos no campionato de 2023 nas mesmas categorías. Irene Montemuíño Martínez, estudante do segundo curso do grao en Psicoloxía, logrou o primeiro posto na categoría de -62kg mulleres, mentres Tomás Fernández Herrerín Rodríguez, estudante do segundo curso do grao en Medicina e Odontoloxía, acadou o primeiro posto na categoría de poomsaes homes.
Tanto Irene Montemuíño como Tomás Fernández xa se proclamaran vencedores nas mesmas categorías nos Campionatos de España Universitarios de Taekwondo celebrados en Burgos os días 25 e 26 de marzo de 2023. Fernández lograra o ouro na modalidade de poomsaes, mentres que Montemuíño o acadara na categoría feminina -62 kg.
Tomás Fernández e Rubén Galdo Maira tamén obtiveran dúas medallas durante a súa participación en Austria no Campionato de Europa de Taekwondo Poomsaes en novembro de 2023. Os ‘poomsaes’ ou ‘pumses’ de taekwondo son combinacións de movementos, executados contra un ou varios atacantes ficticios, que representan ataques e defensas executados nunha orde concreta. Tomás Fernández subiu ao caixón máis alto logo de acadar o ouro na modalidade ‘Técnica parella 1’. Pola súa banda, Rubén Galdo conseguiu unha medalla de bronce en Freestyle Poomsae Equipo Mixto +12.
Pola súa banda, Irene Montemuíño logrou en decembro de 2023 unha medalla de bronce no Campionato Europeo SUB21 de Taekwondo que se celebrou na cidade de Bucarest.
A USC aposta por promover grupos de adestramento nos que alumnado que practica deportes de alto nivel pode desenvolver todo o seu potencial e compatibilizalo coa súa vida académica. “Queremos apostar por acordos coas federacións, coas que estamos a manter diversas xuntanzas, para crear núcleos de adestramento e que a USC sexa punto de referencia para este tipo de deportistas”, explica Javier Rico, delegado do reitor para o Deporte. Unha boa proba do éxito desta fórmula é o caso do grupo de adestramento en taekwondo, froito do acordo entre a Federación Galega de Taekwondo e a USC.