Skip to main content

Unha representación da USC asistiu á reunión anual da Asociación Universitaria Iberoamericana de Postgrado

A vicerreitora María José López Couso, terceira pola esquerda, con outras persoas asistentes ao evento
A vicerreitora María José López Couso, terceira pola esquerda, con outras persoas asistentes ao evento
A asociación persegue a mellora da calidade académica na formación do profesorado, persoal científico e estudos de mestrado e doutoramento en 302 universidades

A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, por delegación do reitor, representou a USC os días 16 e 17 de maio nas asembleas ordinaria e extraordinaria da Asociación Universitaria Iberoamericana de Postgrado (AUIP), que se desenvolveu en Sevilla. A USC incorporou á entidade en marzo de 2022 na reunión celebrada en Barranquilla (Colombia).

As xuntanzas, organizadas pola Universidade de Sevilla, desenvolvéronse no Pavillón de México e reuniron representantes de 302 universidades de máis dunha vintena de países da Comunidade Iberoamericana de Nacións, tendo como obxectivo consolidar o Espazo Iberoamericano do Coñecemento, contribuíndo con criterio de alta calidade académica á formación de profesorado universitario, persoal científico e profesionais nos estudos de mestrado e doutoramento.

Durante os dous días do encontro a vicerreitora María José López Couso e a adxunta para Internacionalización, Belén Méndez Naya, mantiveron reunións coa directora xeral da AUIP, Chantal Pérez Hernández, e con representantes de diversas universidades da asociación coa finalidade de explorar as oportunidades que ofrece a asociación para o estudantado de posgrao (axudas de mobilidade, doutoramentos colaborativos, premios ás teses de doutoramento, entre outras) e para fortalecer os vínculos da USC coas universidades socias.

Na asemblea extraordinaria, celebrada o venres 17 de maio, foi elixida a nova executiva da asociación, baixo a presidencia do reitor da Universidade Pablo de Olavide (Sevilla), Francisco Oliva, que substitúe no cargo o reitor da Universidade de Sevilla, Miguel Ángel Castro Arroyo.

Foto de familia de participantes na Asemblea
Foto de familia de participantes na Asemblea
The contents of this page were updated on 05.21.2024.