O CiTIUS recibe o Premio Especial CPEIG polo seu liderado na organización da ECAI 2024
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) vén de ser recoñecido polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co Premio Especial CPEIG da ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2024’ pola organización da ECAI 2024 (European Conference on Artificial Intelligence), un dos eventos máis importantes do mundo en intelixencia artificial que se celebrará en Compostela do 19 ao 23 de outubro de 2024, convertendo a cidade e Galicia nas capitais mundiais da intelixencia artificial.
O director científico do CiTIUS, Senén Barro Ameneiro, recollerá o galardón na ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ a celebrar o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago como punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia.
O CiTIUS proxecta a intelixencia artificial de Galicia ao conxunto do Estado e a Europa con eventos de primeira liña mundial, como o ECAI 2024 –27 Congreso Europeo de Intelixencia Artificial–, ou liderando outros proxectos internacionais de alto impacto para mellorar a sociedade a través das tecnoloxías intelixentes.
O CiTIUS é o centro de investigación de referencia no ámbito da IA en Galicia, e un dos poucos especializados neste ámbito a nivel estatal. Pertence á Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela e forma parte da Rede CIGUS, que integra aos Centros de Investigación de excelencia acreditados na actualidade pola Xunta de Galicia. En pouco máis de 10 anos de vida, o CiTIUS tense convertido en referente de investigación no campo da intelixencia artificial.
Frutífera traxectoria
O centro participa en nove proxectos europeos, liderando algúns tan importantes como HYBRIDS, unha iniciativa paneuropea para a detección de desinformación, discursos de odio e noticias falsas en Internet; NL4XAI, un proxecto que proporciona as máquinas tecnoloxías de linguaxe natural para que poidan explicar o fundamento das súas decisións; e MENELAOS_NT, un consorcio internacional que busca aplicar tecnoloxías intelixentes para integrar de xeito óptimo datos de sensores de diferentes tipos, tanto a nivel macro como microscópico, co obxectivo de explorar o medio ambiente de maneira multimodal.
Ademais, o CiTIUS é o único centro de investigación en España que lidera dúas cátedras universidade-empresa concedidas polo Estado no presente ano: ‘CAMELIA’, un proxecto en colaboración coa empresa Plexus Tech, centrado no ámbito da intelixencia artificial aplicada á medicina personalizada de precisión; e a Cátedra Chip Televés-USC, enfocada no campo do deseño microelectrónico. Tamén lidera conxuntamente co Instituto da Lingua Galega (ILG) o Proxecto Nós, que ten como obxectivo desenvolver os recursos tecnolóxicos que sitúen ao galego na sociedade e na economía da intelixencia artificial, como acontece xa con desenvolvementos como o primeiro tradutor neuronal libre ao galego a partir do castelán, inglés, catalán e éuscaro. Ademais, Nós forma parte do Proxecto ILENIA, financiado polo PERTE Nova economía da lingua, para impulsar de xeito cooperativo as tecnoloxías lingüísticas nas linguas do Estado, e da estratexia española para o desenvolvemento de modelos fundacionais, que hoxe son a vangarda da IA.
Desde a súa fundación en 2012, o CiTIUS alumeou a creación de catro compañías de base tecnolóxica, xurdidas como spin-offs da investigación do centro: Cilenis, Imagames, InVerbis, e Situm Technologies, líder mundial en tecnoloxías de posicionamento global en interiores.
O centro está formado por un equipo de máis de 150 persoas (31 delas investigadoras ‘senior’) e contou cun orzamento de máis de 11 millóns de euros nos últimos 3 anos, destacando os proxectos europeos (21%) e contratos de transferencia (20%). A súa actividade investigadora organízase en torno a catro ámbitos científicos: Dispositivos e computación verde e intelixente, fundamentos da Intelixencia Artificial, tecnoloxías intelixentes e marco ético, legal, social, económico e cultural (ELSEC).