Skip to main content

A Real Academia de Ciencias Morais e Políticas nomea correspondente o catedrático Marcelino Agís

Marcelino Agís Villaverde
Marcelino Agís Villaverde
A institución valorou a relevancia das súas máis de duascentas publicacións, así como a súa dedicación ao ámbito do pensamento e a cultura galegos

A Real Academia de Ciencias Morais e Políticas acordou por unanimidade na súa sesión plenaria do 7 de maio designar académico correspondente a Marcelino Agís Villaverde (Raxó, Pontevedra, 1963), catedrático de Filosofía da USC.

O plenario da institución, creada en 1857 e que ten como principal finalidade o cultivo das devanditas ciencias, valorou a relevancia das máis de duascentas publicacións do profesor Agís Villaverde, traducidas a varias linguas e, en particular, os seus dous últimos libros ‘Anatomía do Pensar’ e ‘Historia da Hermenéutica. Devir e actualidade da Filosofía da Interpretación’, publicados orixinalmente en galego pola editorial Galaxia e traducidos ao español na editorial Sindéresis de Madrid en 2020 e 2022, respectivamente, e que recibiron no seu día o Premio Concepción Arenal de Investigación en Humanidades.

Outro dos aspectos que a Academia tivo en conta foi o seu traballo universitario na USC, na que dirixiu 17 teses de doutoramento, participou en 10 proxectos de investigación e desempeñou os cargos de asesor de Planificación docente, director do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social, decano da Facultade de Filosofía e vicerreitor de Terceiro Ciclo e Extensión Docente.

Por último, a Academia subliñou a súa dedicación ao ámbito do pensamento e a cultura galegos, aos que consagrou dúas monografías tituladas ‘Crónica Viva do Pensamento Galego’¸ reeditada pola Editorial Galaxia en 2021, e a titulada ‘Historia do Pensamento Galego Contemporáneo. Contribución da Filosofía á Cultura actual’, obra que recibiu o Premio de Ensaio Manuel Murguía. Tamén subliñou as 17 edicións dos Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago, que se celebran con carácter bienal na Facultade de Filosofía da USC desde 1993, organizados pola Sociedade Interuniversitaria de Filosofía que preside o novo académico.

Marcelino Agís é ademais académico numerario e vicepresidente da Academia Xacobea, e académico correspondente da Academia de Ciências de Lisboa (Sección Letras), así como membro correspondente dos Fonds Ricoeur (París) desde a súa creación.

The contents of this page were updated on 05.24.2024.