Skip to main content

A USC inicia contactos para desenvolver un plan que garanta a seguridade infraestrutural da Facultade de Xeografía e Historia

Facultade de Xeografía e Historia. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Xeografía e Historia. FOTO: Santi Alvite
De forma inmediata, aínda que provisional, é preciso proceder ao traslado dos fondos bibliográficos aí aloxados logo de atopar danos na cara superior do forzado do baixo cuberta

O xerente da Universidade de Santiago, Javier Ferreira, e o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Marco Virgilio García Quintela, mantiveron esta mañá unha xuntanza co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, na procura de desenvolver un plan que permita garantir canto antes a seguridade do edificio logo dos danos atopados na cara superior do forzado do baixo cuberta, na zona de depósito de libros sobre a sala de lectura principal da biblioteca. De forma inmediata, aínda que provisional, é preciso proceder ao traslado dos fondos bibliográficos aí aloxados.

Como se puxo de manifesto na xuntanza, trátase dunha intervención urxente que debe implicar como primeiro paso a descarga de peso para reducir o volume de libros almacenados así como o cambio de dirección dos andeis de acordo cun informe técnico elaborado recentemente para avaliar a situación dada a gravidade.

Esta actuación sería a primeira fase dunha intervención integral no conxunto da biblioteca, orzamentada en 6,78 millóns de euros, que garantiría a seguridade estrutural así como a mellora do comportamento enerxético destes espazos e a racionalidade de uso das estancias.

A xuntanza súmase ao chamamento realizado dende a USC a todas as institucións do Consorcio de Santiago de Compostela -Concello de Santiago, Xunta de Galicia e Goberno de España-, autor do Plan Director da Facultade que contempla a necesidade de acometer unha profunda reforma do edificio, afectado no só polo paso do tempo senón tamén por deficiencias estruturais que afectan a seguridade e a habitabilidade do edificio.

The contents of this page were updated on 05.27.2024.