Skip to main content

O catedrático Pedro Diz Dios, primeiro europeo que ocupa o cargo de editor xefe da revista Special Care in Dentistry

Pedro Diz dirixe a Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais
Pedro Diz dirixe a Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais
Foi designado logo dun proceso competitivo no que concorrían candidatos de Estados Unidos e Canadá

Logo dun proceso de carácter competitivo fronte outros candidatos de Estados Unidos e Canadá, o catedrático de Estomatoloxía Pedro Diz Dios resultou designado novo editor xefe da revista Special Care in Dentistry, órgano oficial de expresión da Special Care Dentistry Association (SCDA). Convértese así no primeiro profesional de orixe europea que desempeñará esta función no comité editorial da publicación, considerada como a máis destacada deste ámbito da Odontoloxía. A SCDA é unha prestixiosa sociedade científica nacida en 1987 e que aglutina a American Association of Hospital Dentists, a Academy of Dentistry for Persons withn Disabilities e a American Society for Geriatric Dentistry. O seu obxectivo primordial é proporcionar formación específica e conexións entre os profesionais da Odontoloxía para facilitar o acceso á saúde oral das persoas con necesidades especiais.

O nomeamento do profesor Pedro Diz potenciará a proxección internacional da Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais que el mesmo promoveu hai máis de dúas décadas e que dirixe na actualidade na Facultade de Medicina e Odontoloxía. Este é un centro de referencia estatal e internacional no que atende pacientes con Síndrome de Down e discapacidade procedentes de toda Galicia.

A dirección da revista Special Care in Dentistry súmase a compromisos editoriais previos do profesor Diz como editor asociado da revista Oral Diseases e de Medicina Oral, Cirugía Oral y Patología Bucal (sección de Medically compromised patients), así como membro do Consello Editorial do Journal of Disability and Oral Health.

Ademais, o catedrático da USC coordina a edición do Manual de higiene bucal para personas con discapacidad, unha iniciativa pioneira no seu ámbito que contén información útil para profesionais, familiares e pais e nais. Neste ámbito, o profesor Pedro Diz destaca a necesidade de prestar atención ás persoas con discapacidade severa, nas que as complicacións bucais poden condicionar a inxesta alimentaria e mesmo chegar a provocar alteracións condutuais, o que pode afectar á súa vez a “comprometer o estado nutricional do paciente e a súa relación co contorno”.

The contents of this page were updated on 02.07.2017.