Skip to main content

Unha xornada en Ciencias da Comunicación abordará o tratamento da saúde dende o punto de vista informativo

Organizada pola USC e a compañía Janssen, participarán profesionais dos medios de comunicación e da administración sanitaria, docentes de xornalismo ou representantes dos pacientes, entre outros

Unha xornada en Ciencias da Comunicación abordará este martes 7 o tratamento da saúde dende o punto de vista informativo e xornalístico. Na I Xornada Comunicación e Saúde, organizada pola USC e patrocinada pola compañía Janssen, o cadro de expertos/as convidados permitirá debater sobre as barreiras das palabras á hora de falar de saúde, a multiplicidade do discurso da saúde, a sanidade pública e a crise como comunicación natural. Ademais, haberá espazo para tratar o papel das asociacións de pacientes na toma de decisións de sanidade e a participación destas cos medios e as institucións.

Entre os conferenciantes intervirán diversos profesionais de medios de comunicación galegos, docentes do campo do xornalismo, profesionais da comunicación en hospitais galegos, representantes da compañía farmacéutica Janssen e representantes de asociacións de pacientes. Así, o programa comezará ás 9.30 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación coa asistencia do vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira; do director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal; e do decano desta Facultade, Xosé R. Pousa.

A mesa inaugural estará leva por lema ‘Os medios de comunicación e os seus expertos en saúde’. Moderada polo vicedecano do centro, Carlos Toural, intervirán o subdirector de El Correo Gallego, Javier Cea, e o profesor de Xornalismo e experto na área de saúde Miguel Túñez.

A partir das 11.30 horas, o seguinte dos temas de análise será ‘Os interlocutores en saúde’, mesa redonda na que o decano Xosé R. Pousa moderará as intervencións do xornalista de La Voz de Galicia especializado en Sanidade e Ensino Joel Gómez; a xefa de prensa da estrutura organizativa de Xestión Integrada do Sergas en Ourense (EOXI), Myriam Sierra; o director nacional de Relacións Institucionais de Janssen; o responsable de Relacións Institucionais da Federación Nacional de Enfermos e Transplantados Hepáticos (FNETH), Abelardo Sánchez.

The contents of this page were updated on 02.06.2017.