O xestor xeral da Oficina Central de EUniWell visita a USC para coñecer o traballo do equipo local deste consorcio europeo de universidades polo benestar
O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, recibiu este luns no seu despacho o xestor xeral da Oficina Central de EUniWell (European University for Well-Being) en Colonia (Alemaña), Graham Harrison.
Harrison atópase estes días en Compostela para reunirse con todas as persoas implicadas no equipo local da USC e coñecer as súas impresións sobre os proxectos en marcha e previstos no marco do consorcio europeo de universidades do que a institución compostelá forma parte. Para Harrison, este consorcio “debe entenderse como unha plataforma que, a través da asociación de distintas universidades, busca construír unha universidade europea”.
No marco da visita, Harrison tamén se reuniu cos coordinadores do Paquete de Traballo 8 (WP8), dedicado á investigación, innovación e emprendemento, e que a USC lidera ata o 2028 no marco do proxecto EUniWell-Weff. Neste contexto, a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, sinalou que formar parte da Universidade Europea para o Benestar permite que “unha universidade completa como é a USC poida estar integrada arredor desde concepto transversal que representa o benestar e co que nos identificamos”.
Pola súa banda, o coordinador institucional do consorcio na USC, José María Miranda Boto, explicou que EUniWell é “o camiño para que cando chegue o plan europeo de titulacións a USC poida estar nesa competición” e, deste modo, “crear unha universidade de futuro”.