Un estudo sobre a atención a peregrinos no Norte de Portugal gaña o VII Premio de Investigación da Cátedra do Camiño
O xurado do VII Premio de Investigación sobre o Camiño de Santiago e das Peregrinacións 2024, que outorga a Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC creada co apoio de Turismo de Galicia, acordou outorgarlle o galardón á tese de doutoramento Caminhos que se cruzam. A assistência aos peregrinos e viajantes no Norte de Portugal: as Misericórdias (séculos XVII e XVIII), defendida por Liliana Andreia Valente Neves no Instituto de Ciencias Sociais da Universidade do Minho, Portugal, no 2023. Na convocatoria deste ano presentáronse traballos desde España, Portugal, Polonia e Brasil.
A premiada é licenciada, mestra e doutora en Historia pola Universidade do Minho, así como investigadora colaboradora do Lab2PT/IN2PAST, membro do grupo História Social a Norte, autora de varios capítulos de libros e artigos publicados en revistas nacionais e internacionais, e autora do libro Peregrinos e viajantes. O auxílio das Misericórdias de Braga e Ponte de Lima (séculos XVII-XVIII), publicado en 2021. Actualmente é a responsable da Divisão Patrimonial da Santa Casa da Misericórdia de Arcos de Valdevez.
O seu proxecto de doutoramento, que foi financiado por unha bolsa da Fundação para a Ciência e Tecnologia en Portugal, estuda no Norte de Portugal unha das funcións das institucións dedicadas á asistencia social chamadas Misericórdias, en concreto a da asistencia á poboación en tránsito nos séculos XVII e XVIII, sendo o seu principal obxectivo analizar a preponderancia destas institucións no contexto das viaxes e peregrinacións, no período moderno, cando as viaxes eran verdadeiros desafíos, debido ao seu elevado custo, aos perigos e ás diversas dificultades.
“É sobre ese mundo das viaxes e peregrinacións que nos inclinamos, nun primeiro momento, procurando entender o contexto en que se movía a poboación analizada, así como as crenzas e os acontecementos que influenciaron a caridade practicada, desde a realidade das peregrinacións na Época Moderna, ao ascenso das romarías, ás motivacións para viaxar, ás dificultades ao longo das xornadas, ao impacto da Reforma Protestante e da Contrarreforma católica, nas mentalidades”, indica Liliana Valente, quen lembra que “a relixión era unha realidade indisociable do cotián, neste período”.
Nun segundo momento, explica, “procuramos entender de que forma as Misericórdias se destacaron no apoio que prestaron aos peregrinos e viaxeiros, analizando as estratexias utilizadas para controlar quen era ou non receptor da súa caridade, así como as distintas formas de auxilio que se desdobraban en cartas de guía, esmolas, cabalgaduras, fornecemento de local para pernoitar, coidados de saúde e coidados espirituais, entre outros”.
A autora recorda que “non sempre foi pacífico acoller nos seus edificios os peregrinos e viaxeiros, aínda que as Santas Casas se esforzasen por lles prestar este xénero de auxilio, dada a situación de desamparo en que se encontraba a poboación flutuante. Estas institucións eran, en moitos casos, un porto seguro onde o camiñante encontraba o descanso e conforto necesarios non só ao seu corpo, mais tamén á súa alma. Por último, procuramos caracterizar os asistidos polas Misericórdias, avaliando, cando foi posible, a súa proveniencia, o destino, as profesións, o estatuto social, as motivacións existentes para os seus periplos, entre outras informacións, fornecidas polas fontes”.
Nese senso, “foi o noso intento aumentar o coñecemento sobre a relación entre as Misericórdias e a poboación en tránsito, principalmente no que respecta ás capas máis desfavorecidas da poboación, así como entender quen se desprazaba, porque o facía e o que esperaba destas confrarías. Para o efecto consultamos documentación en 24 arquivos de Misericórdias portuguesas, distribuídos polo Norte de Portugal, así como nos arquivos Histórico Diocesano do Arcebispado de Santiago de Compostela, Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela, e Arquivo Historico Universitario de Santiago de Compostela”.
O xurado do premio estivo composto por Miguel Taín Guzmán, catedrático de Historia da arte da USC e director da Cátedra do Camiño; María José Azevedo Santos, catedrática da Facultade de Letras da Universidade de Coímbra, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e codirectora da Cátedra; así como Daniel C. Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago de Compostela e codirector da Cátedra.
A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da Universidade de Santiago de Compostela foi creada en 2016 grazas a un convenio de colaboración asinado entre a USC, a Axencia de Turismo de Galicia e a Catedral de Santiago, con obxectivos como promover a investigación no campo do Camiño de Santiago e a Peregrinación a Santiago, motivo polo que cada ano se convoca este premio.