Un estudo liderado pola USC revela posibles intentos de tratar o cancro nun cranio exipcio de 4.000 anos
O equipo de investigación liderado polo investigador Ramón y Cajal do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Edgard Camarós quedou sorprendido polo descubrimento de marcas de corte arredor de crecementos canceríxenos nun antigo cranio exipcio, o que lles permitiu desenvolver novas ideas sobre como os antigos exipcios trataron a enfermidade. Estes achados, consideran, constitúen unha evidencia de que as sociedades antigas tentaron explorar e operar tumores hai milleiros de anos.
"Este achado é unha proba única de como a medicina exipcia antiga tentaría tratar ou explorar o cancro hai máis de 4.000 anos", engadiu o autor principal do estudo, o paleopatólogo Edgard Camarós, para quen "esta é unha nova perspectiva extraordinaria na nosa comprensión da historia da medicina".
"Queriamos coñecer o papel do cancro no pasado, a prevalencia desta enfermidade na antigüidade e como as sociedades antigas interactuaban con esta patoloxía", explicou Tatiana Tondini, investigadora da Universidade de Tubinga e coautora do estudo publicado en Frontiers in Medicine. Para iso, o equipo de investigación examinou dous cranios conservados na colección Duckworth da Universidade de Cambridge. O cranio e a mandíbula denominados 236, que databan entre os anos 2687 e 2345 a.C., pertencían a un home de 30 a 35 anos, mentres o cranio E270, que databa entre os anos 663 e 343 a.C., pertencía a unha muller de máis de 50 anos.
No cranio 236, a observación microscópica mostrou unha lesión de gran tamaño consistente cunha destrución excesiva do tecido, unha enfermidade coñecida como neoplasia. Ademais, hai unhas 30 lesións metastásicas pequenas e redondas espalladas polo cranio.
Intervención cirúrxica
O que sorprendeu o equipo foi o descubrimento de marcas de corte arredor destas lesións, que probablemente foron feitas cun obxecto afiado como un instrumento metálico. "Parece que os antigos exipcios realizaron algún tipo de intervención cirúrxica relacionada coa presenza de células cancerosas, demostrando que a medicina exipcia antiga tamén estaba a realizar tratamentos experimentais ou exploracións médicas en relación co cancro", explicou o coautor e profesor Albert Isidro, cirurxián oncolóxico do Hospital Universitario Sagrat Cor, que se especializa en exiptoloxía.
Polos textos antigos o equipo de investigación sabe que -para os seus tempos- os antigos exipcios eran excepcionalmente hábiles na medicina. Por exemplo, conforme indica Edgard Camarós, podían identificar, describir e tratar enfermidades e lesións traumáticas, construír próteses e colocar obturacións dentais. Outras enfermidades, coma o cancro, non puideron tratalas, pero poderían telo intentado. Examinando os límites dos tratamentos traumatolóxicos e oncolóxicos no antigo Exipto, o equipo liderado pola USC estudou eses dous cranios humanos, cada un deles con milleiros de anos. E comprobaron que aínda que os antigos exipcios eran capaces de tratar complexas fracturas craniais, o cancro aínda era unha fronteira do coñecemento médico.
O cancro na antigüidade
O cranio E270 mostra unha gran lesión consistente cun tumor canceroso que levou á destrución ósea. Isto, en opinión do equipo, pode indicar que aínda que co estilo de vida actual, as persoas cada vez envellecen máis e as substancias que causan cancro no medio aumentan o risco de cancro, o cancro tamén era unha patoloxía común no pasado. Nese cranio tamén hai dúas feridas curadas de lesións traumáticas e unha delas parece orixinarse a partir dun suceso violento a corta distancia utilizando unha arma afiada. Estas lesións curadas poderían significar que o individuo potencialmente recibiu algún tipo de tratamento e, como resultado, sobreviviu, engaden no traballo coordinado por Camarós.
Non obstante, ver unha ferida deste tipo nunha muller é pouco común e a maioría das lesións relacionadas coa violencia atópanse en homes. "Esta muller estivo involucrada nalgún tipo de actividades bélicas?" pregúntanse desde o equipo de investigación, indicando que se é así, será preciso repensar o papel das mulleres no pasado e como participaron activamente nos conflitos durante a antigüidade.
O equipo, con todo, sinalou que o estudo dos restos óseos afronta certos retos que dificultan as conclusións definitivas, especialmente porque os restos adoitan estar incompletos e non hai historia clínica coñecida. En arqueoloxía, sinalan, trabállase cunha parte fragmentada do pasado, o que complica un enfoque preciso.
"Este estudo contribúe a un cambio de perspectiva e establece unha base alentadora para futuras investigacións no campo da paleooncoloxía, pero serán necesarios máis estudos para desvelar como as sociedades antigas trataron o cancro", concluíu Camarós.