Skip to main content

Estudos Audiovisuais aborda a construción da imaxe nas redes desde a comunicación, a filosofía e a psicoloxía

O uso dos móbiles intelixentes disparou as publicacións nas redes. FOTO: Santi Alvite
O uso dos móbiles intelixentes disparou as publicacións nas redes. FOTO: Santi Alvite
O simposio ‘Malestares na cultura espec(tac)ular: perspectivas críticas desde a psicanálise’ analizará desde os selfies ata a máscara dixital e os excesos en liña

O simposio ‘Malestares na cultura espec(tac)ular: perspectivas críticas desde a psicanálise’, organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación compostelá abordará os días 12 e 13 de xuño as crebas das subxectividades contemporáneas desde un enfoque interdisciplinar que, a partir da constelación común do campo psicanalítico, integra a análise audiovisual, a crítica filosófica e a orientación clínica.

Francisco Conde, psicanalista e profesor de Filosofía na USC, abrirá o simposio o mércores 12 cunha conferencia titulada ‘O triunfo do imaxinario lacaniano: do Edipo ao selfie’. Ese mesmo día, a tamén psicanalista Rosa Vázquez tratará, á súa vez, o rexistro do simbólico e, máis concretamente, a repercusión da súa decadencia tal e como se manifesta no ámbito da clínica de orientación psicanalítica, cunha palestra titulada: ‘A orientación lacaniana no século XXI: decadencia do simbólico, novas modalidades do síntoma e clínica do exceso’.

A segunda sesión, o xoves 13, comezará co relatorio ‘A tiranía da beleza e a máscara dixital nas redes sociais’, a cargo da profesora Antía López, membro do Grupo de Estudos Audiovisuais, que analizará as transformacións da propia identidade no contexto audiovisual virtual. Pechará o simposio a intervención ‘O malestar non é o que pensas. Freud e a cultura’, de Delmiro Rocha, docente da Facultade de Humanidades da USC e filósofo especializado na crítica da cultura e na noción de deconstrución formulada por Jacques Derrida.

A asistencia a este simposio que se desenvolverá da Facultade de Ciencias da Comunicación é libre ata completar a capacidade do espazo, mais prégase inscrición previa no formulario accesible desde a web do simposio ata o luns 10 de xuño.

Cartel do simposio
Cartel do simposio
The contents of this page were updated on 05.30.2024.