Skip to main content

Lara Quinteiro Fernández, estudante mellor valorada nas prácticas xestionadas polo Consello Social da USC

Lara Quinteiro Fernández recibiu o diploma de mans de Cecilia Sierra. FOTO: Santi Alvite
Lara Quinteiro Fernández recibiu o diploma de mans de Cecilia Sierra. FOTO: Santi Alvite
A galardoada é unha estudante de Bioloxía que tivo a oportunidade de investigar sobre as levaduras do viño na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia

A estudante do grao en Bioloxía da USC Lara Quinteiro Fernández acaba de ser recoñecida co premio do Consello Social da USC á estudante mellor valorada nas prácticas xestionadas por este órgano que rexe a participación da sociedade na Universidade, e en concreto na convocatoria aberta o 28 de setembro de 2023. A premiada realizou en xaneiro e febreiro as prácticas extracurriculares externas na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Agacal).

O premio está dotado con 1.500 euros e outórgase dúas veces ao ano, coincidindo cos períodos das convocatorias de febreiro e setembro. A través deste recoñecemento, o Consello Social da USC quere impulsar a realización destas actividades, premiando a excelencia e o esforzo do alumnado no seu desempeño. A presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra, fixo entrega do diploma acreditativo a Lara Quinteiro, quen amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento das prácticas, nas que estivo estudando “as levaduras do viño, que son as que producen o alcol e as que lle dan sabor e olor, máis personalidade”.

A estudante, que remata agora o grao en Bioloxía, subliña que lle interesou especialmente “traballar cos mostos e co viño, facer vinificacións, controlar como van evolucionando e finalmente o proceso de embotellado”. Lembra que “en Galicia hai unha produción moi importante de viño, e é moi importante a investigación sobre este produto biotecnolóxico bimilenario que nos ofrece produtos coma o albariño, moi codiciado e consumido. De cara ao futuro máis inmediato, Lara Quinteiro espera poder estudar un mestrado co que aumentar os seus coñecementos no eido da bioloxía.

O Consello Social está comprometido coa mellora da empregabilidade, achegando a realidade laboral e complementando a formación teórica do estudantado mediante prácticas en empresas e institucións, ao mesmo tempo que fomenta a colaboración da USC co tecido económico e institucional.

The contents of this page were updated on 06.04.2024.