Skip to main content

A dimensión internacional da investigación, a reputación académica e a sustentabilidade volven situar a USC entre as mellores universidades do ránking QS

A USC sitúase no chanzo 651-660 dun total de 5.663 institucións de todo o mundo. Foto: Santi Alvite
A USC sitúase no chanzo 651-660 dun total de 5.663 institucións de todo o mundo. Foto: Santi Alvite
A Universidade de Santiago de Compostela continúa a ascender postos no marco desta clasificación que avalía 5.663 institucións de 106 localizacións en todo o mundo

O QS World University Rankings 2025 volve incluír a USC entre as mellores universidades do mundo, situándoa no chanzo 651-660 logo de avaliar un total de 5.663 institucións de 106 localizacións, 35 delas en España. Na pasada edición, a Universidade de Santiago de Compostela atopábase no rango 701-710. En concreto, a USC destaca novamente nos eidos correspondentes a participación en redes internacionais de investigación, reputación académica e sustentabilidade.

Para a elaboración desta listaxe, a puntuación confórmase medindo a reputación a través de sondaxes e dunha serie de indicadores oficiais que conforman unha metodoloxía que sitúa este ránking entre os máis fiables.

A puntuación global que cada institución percibe confórmase en base a unhas porcentaxes aplicadas a determinadas variables. Por unha banda, as percepcións de persoas académicas de todo o mundo supoñen o 30% da puntuación total, o número medio de citas obtidas por cada membro da institución é o 20% da nota global, a percepción dos e das empregadoras sobre que institucións están subministrando persoas graduadas mellor preparadas (15%), a capacidade das institucións para asegurar un alto índice de empregabilidade (5%), a ratio entre o número de persoal académico e estudantado xa que un maior número de académicos/as por estudante reflicte o compromiso de cada universidade coa docencia e a aprendizaxe (10%), a proporción de profesorado internacional, indicio de que a institución posúe unha reputación capaz de atraer persoal de fóra (5%), a participación en redes internacionais de investigación (5%), a proporción de estudantado internacional (5%) e o nivel de sustentabilidade (5%).

Entre as 35 universidades do Estado avaliadas, a de Santiago de Compostela destaca no número de citacións do seu persoal investigador, na reputación académica, nas redes internacionais de investigación e na taxa de empregabilidade.

Clasificación por materias
Este ascenso da USC na posición global mundial no World University Ranking QS viuse recentemente referendada pola edición do seu ránking por materias. Así, QS situaba en abril a USC entre as mellores institucións universitarias nun total de 19 ámbitos temáticos das cinco áreas de coñecemento, de maneira que incrementaba o número de materias entre os 200 primeiros postos.

Os ámbitos nos que máis destaca a USC neste ránking son os de Arqueoloxía, Farmacia e Farmacoloxía e Lingüística, que se sitúan no intervalo 151-200 das universidades do mundo. Tamén en postos destacados (intervalo 201-250) se atopan Historia, Linguas Modernas, Comunicación e media, Enxeñaría Química e Lingua e Literatura Inglesa. Química e Educación sitúanse no intervalo 251-300, e completan este ránking de materias destacadas no ámbito mundial Agricultura e Forestal, Dereito, Física e Astronomía, Matemáticas, Ciencias Ambientais, Medicina, Ciencias Biolóxicas, Economía e Econometría e Ciencias da Computación e Sistemas de Igformación.

QS emprega cinco métricas clave para elaborar as clasificacións por materias. Os indicadores de reputación, que avalían o rendemento global mundial das universidades, baséanse nas respostas de máis de 240.000 empregadores e académicos ás enquisas de QS, mentres que as citas por artigo e o índice H miden, a partir dos indicadores públicos de produción científica do persoal investigador, o seu impacto e produtividade. Pola súa banda, a Rede Internacional de Investigación (IRN) reflicte a diversidade e o alcance das conexións de investigación dunha institución e a eficacia de establecer estas redes globais. En todas elas a USC alcanza índices moi elevados, destacando de maneira global os de reputación, citacións e índice H.

 

The contents of this page were updated on 06.05.2024.