Skip to main content

Mulleres que abriron camiño nas aulas e laboratorios da USC

Olimpia Valencia López. Fonte:  e  do Consello da Cultura Galega
Olimpia Valencia López. Fonte: e do Consello da Cultura Galega
A Concepción Arenal acolle a mostra ‘Mulleres no laboratorio: primeiras científicas da USC’

Ángeles Alvariño González, Manuela Barreiro Pico, Elisa e Jimena Fernández de la Vega Lombán, Eugenia Pereira Rodríguez, Dolores Lorenzo Salgado, Antonia Ferrín Moreiras, Olimpia Valencia López, Rita Fernández Quimadelos ou Ramona Vaamonde Fernández. Mulleres, todas elas, que co seu esforzo e empeño dende as aulas e laboratorios da Universidade de Santiago, e en momentos históricos complicados, lle abriron o camiño a tantas outras.

Porque ata o 8 de marzo de 1910 a lexislación española non lle recoñecía ás mulleres o dereito a matricularse libremente na carreira universitaria que desexaban. Por este motivo Manuela Barreiro Pico, a primeira matriculada (1896) e primeira licenciada da Universidade de Santiago (1900), debeu solicitar “permiso” non só para matricularse en Farmacia senón tamén para exercer a súa profesión. No seu escrito, dirixido ao ministro de Instrución Pública e Belas Artes, indicaba con valentía que os estudos realizados debían habilitarlle “para el ejercicio de una profesión que siempre creyó propia a su sexo y en la que pretende hallar ocupación útil para sí y para la sociedad”. O permiso foille concedido finalmente, converténdose así na primeira farmacéutica galega.

A historia de Manuela Barreiro non difire demasiado do resto de mulleres que na época desexaban ser científicas e que agora a USC, da man da investigadora Xoana Pintos, lle pon cara e nomes nunha mostra que dende hoxe e ata o 24 deste mes pode visitarse na Biblioteca Concepción Arenal. Coa exposición ‘Mulleres no laboratorio: primeiras científicas da USC’ a Universidade de Santiago, a través da súa Oficina de Igualdade de Xénero, súmase á conmemoración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia este 11 de febreiro.

Pioneiras
Entre esas científicas pioneiras destaca polo seu perfil máis internacional Ángeles Alvariño González, que remata a carreira de Ciencias na USC en 1941. Esta destacada oceanógrafa foi a primeira científica a bordo dun barco de investigación británico, e os seus traballos derivaron no descubrimento de 22 novas especies mariñas dos océanos Pacífico e Atlántico. Hoxe, dúas especies mariñas de plancto réndenlle homenaxe levando o seu apelido, o quetognato Aidanosagitta alvarioae e a augamar Lizzia alvarinoae.

Lugar destacado ocupan tamén as primeiras licenciadas en Medicina, as xemelgas Elisa e Jimena Fernández de la Vega, e a licenciada en Ciencias, na sección de Química en 1923, Eugenia Pereira Rodríguez, a primeira licenciada galega que gozou dunha bolsa da Facultade de Ciencias da USC para ampliar estudos no estranxeiro, en concreto en Bordeos e no eido da mellora dos procesos de vinificación, con aplicación a Galicia. Xa en Barcelona esta muller dirixiría unha farmacia e un laboratorio propio que sería o primeiro fabricante de deterxente líquido.

A primeira muller galega licenciada en Medicina, Olimpia Valencia López, quería ser pneumóloga, pero naqueles tempos non se xulgaba “oportuno” que as mulleres tratasen como profesionais a pacientes varóns, así que os catedráticos recomendáronlle áreas relacionadas coa maternidade que a levaron a especializarse en Xinecoloxía. En 1928 estableceu a súa clínica en Vigo, non sen poucos atrancos debido á súa condición de muller e á súa implicación política de apoio aos candidatos galeguistas en 1931 e ao Estatuto Galego do 36.

No elenco de mulleres que pasaron polas aulas da institución compostelá merecen tamén unha lembranza Dolores Lorenzo Salgado, a primeira docente en Ciencias; a arquitecta Rita Fernández Queimadelos, primeira muller que exerceu profesionalmente de modo individual e independente; as odontólogas pioneiras Irene Lucía Álvarez Veras, María Coro Clavero Maestre e Ruth Selbmenn Kummer; a profesora adxunta da cátedra de Microbioloxía en 1956 Ramona Vaamonde Fernández, que en setembro de 1975 detectou prontamente a presenza do virus do cólera evitando así unha epidemia; ou Antonia Ferrín Moreiras, autora da primeira tese en Astronomía e que exercería como docente na Universidade Complutense durante vinte anos.

Xornadas no MUNCYT
Entre as actividades da USC para conmemorar o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia figura ademais a colaboración na organización este sábado 11 dunha xornada no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña que contará con obradoiros gratuítos e dirixidos a nenas e nenos de 8 a 12 anos, como o titulado ‘Intelixencia artificial: o significado da intelixencia’ a cargo de María Jesús Taboada, profesora titular da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da USC.

A mostra inaugurárona a asesora no ámbito de Estudantes, Cultura e Deporte, Marta Carballo Fidalgo; a autora da exposición, Xoana Pintos Barral, e o director da biblioteca, Francisco Méndez García (Foto: Servimav-USC) A mostra poderá visitarse ata o 24 de febreiro (Foto: Servimav-USC)

The contents of this page were updated on 02.10.2017.