Skip to main content

Dúas estudantes de Pedagoxía defenden no Parlamento o dereito a unha educación para todas as persoas

As estudantes da USC expuxeron as demandas en favor dunha educación para todas as persoas
As estudantes da USC expuxeron as demandas en favor dunha educación para todas as persoas
Reivindicaron a participación e implicación do estudantado nos procesos formativos e o valor do ensino como ferramenta esencial de transformación das sociedades

As estudantes do grao en Pedagoxía da USC Iria Márquez e Macarena Liste, en representación do alumnado da Facultade de Ciencias da Educación, reivindicaron no Parlamento de Galicia a participación e implicación do estudantado nos procesos formativos e o valor da educación para o desenvolvemento sostible e a cidadanía global como ferramenta de transformación social, para xerar sociedades máis fortes e democráticas e na defensa das e dos profesionais da educación. Nun acto que tivo lugar dentro da Campaña Mundial pola Educación (CME), as estudantes solicitaron de parlamentarias e parlamentarios a implicación na formulación das políticas públicas e un firme compromiso coa educación para a xeración dun futuro sostible para todas as persoas.

Máis de 50 nenas, nenos e adolescentes de Galicia expuxeron este martes as súas demandas e preocupacións no eido da educación, nunha sesión extraordinaria do Parlamento de Galicia impulsada pola coalición galega da Campaña Mundial pola Educación, formada por Educo, Entreculturas, Taller de Solidariedade e a Universidade de Santiago de Compostela a través do Grupo de Investigación Terceira Xeración, coa colaboración de Ayuda en Acción. O acto tivo lugar ante representantes das distintas forzas políticas con representación parlamentaria. Nel, o estudantado alertou sobre o perigo dos discursos de odio e fíxose fincapé na importancia de concienciar a sociedade fronte a estes.

Participaron na sesión estudantes dos CPI Virxe da Cela (Monfero, A Coruña), CEIP Víctor Sáenz (Mazaricos, A Coruña), CEIP Vendas da Barreira (Riós, Ourense), Maristas de Lugo, o colectivo Estudiantes por la Inclusión e estudantado do grao en Pedagoxía da USC. fOI presidida polo presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, asistiron o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero Rodríguez, así como deputadas e deputados dos catro grupos parlamentarios.

Por parte da USC, este ano formaron parte da Campaña Mundial pola Educación estudantes das materias de Teoría da Educación do grao en Pedagoxía, Economía da Educación do grao en Educación Social e Educación Comparada do grao en Pedagoxía. Ao longo do curso traballouse sobre o Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable 4, Educación de Calidade, e sobre o acceso e dereito á educación. O alumnado de terceiro curso de Pedagoxía da materia Educación Comparada traballou indicadores internacionais sobre as desigualdades de acceso á educación e a comparativa de sistemas educativos.

A actividade enmárcase na I Convocatoria de Proxectos de Innovación Docente promovida pola Facultade de Ciencias da Educación, e baséase nas metodoloxías de Aprendizaxe Baseada en Proxectos e Aprendizaxe-Servizo, e desenvolveuse en colaboración coa Campaña Mundial pola Educación. O estudantado deseñou intervencións en varios centros educativos de Educación Primaria, Educación Secundaria e espazos de educación non formal e liderou diferentes actividades e obradoiros nas X Xornadas de Educación para a Cidadanía Global celebradas na Facultade de Ciencias da Educación a inicios de maio co obxectivo de concienciar sobre a vulnerabilidade do dereito á educación e os discursos de odio.

The contents of this page were updated on 06.05.2024.