Skip to main content

A USC organiza as primeiras xornadas de portas abertas das súas titulacións ao estudantado de 2º de Bacharelato e Ciclos Superiores

Cada futuro ou futura estudante poderá coñecer nos centros universitarios os títulos nos que ten interese. Foto: Santi Alvite
Cada futuro ou futura estudante poderá coñecer nos centros universitarios os títulos nos que ten interese. Foto: Santi Alvite
As xornadas ‘Coñece a USC’ desenvolveranse en Santiago entre os días 13 e 15 de xuño e en Lugo entre o 20 e o 22 do mesmo mes

O estudantado de 2º de Bacharelato e de Ciclos Superiores de Formación Profesional que desexe coñecer as distintas titulacións que ofrece a Universidade de Santiago nos seus campus de Compostela e Lugo terán a oportunidade de facelo nas vindeiras semanas de maneira presencial.

Nunha experiencia pioneira, a USC organiza estas xornadas de portas abertas ‘Coñece a USC’ para que cada futuro ou futura estudante poida achegarse aos centros universitarios para coñecer de primeira man os títulos nos que ten interese.

Para participar nestas xornadas, que en Santiago se desenvolverán entre os días 13 e 15 de xuño e en Lugo entre o 20 e o 22, é preciso cubrir un formulario de inscrición no que poderán seleccionar as titulacións que queren visitar. Ademais, quen se inscriba recibirá información do grao que indicase na solicitude de participación.

O prazo para inscribirse nas titulacións do Campus de Santiago rematará o  11 de xuño ás 14:00 horas e nas do Campus de Lugo o 18 de xuño á mesma hora.

The contents of this page were updated on 06.06.2024.