Skip to main content

A USC promove a institucionalización da metodoloxía de Aprendizaxe-Servizo en Cabo Verde

Foto de grupo dos responsables da USC e da Universidade Pública de Cabo verde
Foto de grupo dos responsables da USC e da Universidade Pública de Cabo verde
O grupo Esculca traballa coa Universidade Pública de Cabo Verde para incluír esta metodoloxía nos seus plans formativos e que poidan servir como núcleos dinamizadores da transformación social

Mellorar o benestar social e a convivencia da comunidade local de Cabo Verde a través de proxectos educativos realizados coa metodoloxía Aprendizaxe-Servizo (ApS) é o reto que se propón o grupo de investigación da USC Esculca e no que leva meses traballando en colaboración estreita coa Universidade pública do país africano.

A intención é potenciar a transferencia do coñecemento dende a experiencia do equipo da USC, xunto coa entidade Farmamundi, para dotar á comunidade universitaria participante do país africano dos coñecementos precisos para artellar procesos de renovación e transformación social a través da satisfacción das súas necesidades con solucións contextualizadas e innovadoras. En esencia, trátase de desenvolver diferentes accións en favor da institucionalización da aprendizaxe-servizo nese país tomando como referencia o proceso seguido na USC anos atrás.

En concreto, o proxecto ten por finalidade promover a ApS na xeografía da África Subsahariana a través da súa inclusión nos plans formativos da Universidade Pública de Cabo Verde para que poidan servir como núcleos dinamizadores da transformación social e do fortalecemento da convivencia nese país.

O traballo realizado ata o de agora no marco do proxecto ‘Aprendizaxe-Servizo e Cooperación para o Desenvolvemento. Formando para a Cidadanía Global’ comprobárono in situ estes días o coordinador do Grupo Esculca, Miguel A. Santos, e o investigador principal do proxecto, Alexandre Sotelino Losada.

Ademais de constatar os grandes avances da Universidade de Cabo Verde (UNICV) na consolidación da metodoloxía Aps, na visita ao país africano aproveitaron para manter reunións co equipo reitoral da institución universitaria e co secretario de Estado para o Ensino Superior do Ministerio de Educación do Goberno de Cabo Verde. Ademais, organizouse un seminario no que se expuxeron os diferentes proxectos que se están a desenvolver na UNICV no que interviñeron docentes, estudantes e entidades sociais.  Nos vindeiros meses seguirase avanzando neste proceso coa publicación dunha guía de boas prácticas e outras dinámicas previstas.

O grupo Esculca
O Grupo de Investigación ESCULCA – Coñecemento e Acción Educativa ten a súa sede na Facultade de Ciencias da Educación e traballa na optimización das relacións entre a Universidade e a sociedade civil tendo como eixos fundamentais a equidade e calidade na educación e a transformación social a través do fortalecemento de redes de cooperación e da transferencia do coñecemento.

O grupo dispón dunha acreditada solvencia, recoñecida a nivel nacional co Primeiro Premio Nacional de Investigación Educativa (2007) e o Terceiro Premio de Investigación Educativa (2003); e a nivel autonómico, co María Barbeito de Educación en Galicia á Investigación Pedagóxica (2010) e o Premio ao Labor na Investigación Humanística (2019).

A APS
A Aprendizaxe-Servizo (ApS) é unha proposta pedagóxica que se ven activando nas últimas décadas en todos os niveis educativos, con especial énfase na Educación Superior. Esta metodoloxía experiencial procura establecer vínculos entre o currículo e o entorno por medio da implicación directa do estudantado. Así, as comunidades vense beneficiadas ao recibir un servizo profesionalizado que cubre algunha necesidade social e, pola súa banda, o discente aprende de maneira máis contextualizada e responsable.

 

O profesor Sotelino no seminario desenvolvido na UPCV
O profesor Sotelino no seminario desenvolvido na UPCV
The contents of this page were updated on 06.06.2024.