Un total de 265 alumnos de secundaria e Bacharelato participan este mércores nas probas da VIII Olimpíada Galega de Xeoloxía
Un total de 265 estudantes de secundaria e Bacharelato procedentes de diferentes centros educativos de toda Galicia formalizaron a súa inscrición para participar este mércores nas probas das distintas fases provinciais da VIII Olimpíada Galega de Xeoloxía, un certame promovido a nivel nacional pola Asociación Española para o Ensino de Ciencias da Terra (AEPCET) en colaboración coa Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos.
As probas deste certame programadas na USC desenvolveranse de xeito simultáneo, a partir das 11.30 horas, na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e na Facultade de Bioloxía de Compostela, onde se agarda a participación de 65 e 48 estudantes, respectivamente. A Facultade de Ciencias de Ourense e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas, en Vigo, tamén serán sede das fases provinciais deste certame programadas en Ourense e Pontevedra, respectivamente.
A VIII Olimpíada de Xeoloxía, unha actividade na que en Galicia colabora de xeito activo a USC a través do seu Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, pretende fomentar o interese do estundatado preuniversitairo polos contidos propios da Xeoloxía e do conxunto das Ciencias da Terra, ao tempo que busca animar aos participantes a orientar o seu futuro universitario cara a este eido, ademais de sensibilizar sobre a importancia da preservación do medio natural.
Os gañadores de cada unha das fases provinciais que se celebrarán este mércores poderán na fase española da Olimpíada de Xeoloxía, unha competición que se desenvolverá o 1 de abril en Salamanca. Os catro mellor clasificados na fase española poderán competir no campionato internacional, que se desenvolverá a finais de agosto na cidade francesa de Niza.