Skip to main content

Edicións da USC, na Semana do Libro de Compostela

O director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco, xunto co persoal do servizo, preparan o stand da SELIC
O director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco, xunto co persoal do servizo, preparan o stand da SELIC
A Universidade achega na SELIC unha trintena de novidades editoriais de diversas coleccións e temáticas

Canda vintecatro editoras, librarías, bibliotecas e institucións da cidade, Edicións USC participa unha vez máis na sétima edición da Semana do Libro de Compostela, SELIC 2024, organizada pola Concellaría de Capital Cultural do Concello de Santiago, que vai ter lugar na Praza da Quintana ata o 16 de xuño e que hoxe inicia a súa actividade.

A Universidade, a través da súa editora, Edicións USC, achega unha trintena de novidades editoriais de diversas coleccións  e temáticas, como mostra da importante contribución da Universidade ao sector local do libro. Neste sentido, o director de Edicións USC, Juan L. Blanco Valdés, apunta que “a Semana, celebrada no corazón da cidade vella, é un expositor inmellorable para a difusión, nacional e mesmo internacional grazas á enorme afluencia de turistas, dun sector como o editorial e libreiro da cidade que, malia tantos factores adversos (dixitalización, deserción crónica da lectura como exercicio lúdico, incremento dos custos de produción…), segue mostrando unha magnífica saúde e unha oferta excelente, tanto na variedade dos contidos e temáticas como na profesionalidade e calidade das formas editoriais”.

A SELIC
A SELIC celebrouse por vez primeira en 2017 co obxectivo de reunir nun deseño expositivo alternativo e diferente ao das tradicionais feiras do libro as editoras, tanto privadas como institucionais, librarías e bibliotecas, que veñen representar unha significativa mostra do puxante sector do libro de Santiago.

A SELIC decorre baixo o lema O festival para ler e presenta un dinámico e moi variado programa de actividades, que inclúe presentacións, conversas, contacontos, lecturas, concursos, obradoiros, dramatizacións, sinatura de libros ou rutas e paseos culturais pola cidade e que pon o foco na lectura como celebración e festival, mudando os marcos da relación cos lectores e definindo espazos fluídos, lúdicos e menos formais para o encontro. Este ano, ademais, o evento recolle unha evocación moi especial como é o 40 aniversario da novela Crime en Compostela, de Carlos Reigosa, o cal dá pé ao leitmotiv figurativo SELIC criminal, que mesmo conta coa suxestiva imaxe dunha pistola que dispara follas, presente no programa de man do evento.

 

The contents of this page were updated on 06.07.2024.