Skip to main content

Estudantado de Odontoloxía conciencia a cidadanía sobre a prevención do cancro oral

Imaxe de arquivo dunha práctica de Odontoloxía. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha práctica de Odontoloxía. FOTO: Santi Alvite
A Praza Roxa e a Alameda compostelás acollerán este mércores 12, espazos informativos arredor desta enfermidade e de como realizar unha autoexploración
Santiago de Compostela

Co gallo do Día Europeo Contra o Cancro Oral que se conmemora o 12 de xuño, estudantado da Facultade de Medicina e Odontoloxía, en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro, integrará dúas carpas informativas, unha na Alameda e outra na Praza Roxa, coa vontade de desenvolver unha campaña informativa arredor desta enfermidade. A actividade enmárcase nun proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) da USC e esténdese dende as 10.00 ata as 14.00 horas. O material informativo que se distribuirá foi confeccionado polo estudantado de Odontoloxía e inclúe información sobre cancro oral e alteracións potencialmente malignas así como un código QR que conduce a un vídeo sobre autoexploración.

“Debemos ter en conta que o cancro oral é un tumor maligno que pode afectar a calquera parte da cavidade oral, o diagnóstico precoz está asociado a unha maior supervivencia, por iso é importante recoñecer a forma que ten de presentarse”, explica a profesora Pilar Gándara.  “Unha úlcera na boca que tarda en curar máis de dúas semanas, un vulto ou unha mancha branca ou vermella que non desaparece, poden ser signos de cancro oral”. matiza. Ante estas situacións o paciente debería acudir ao seu odontólogo/a de confianza para ser revisado.

O cancro oral está relacionado co consumo de tabaco e alcol, a exposición prolongada ao sol (o que aparece no beizo) ou ao virus do papiloma humano, entre outros. Segundo o Rexistro Galego de Tumores (REGAT), no ano 2022, diagnosticáronse só en Galicia 348 tumores de beizo, cavidade oral e farinxe. “É por iso que o obxectivo desta campaña é concienciar a poboación da existencia de cancro oral e de como os propios pacientes poden participar no diagnóstico cun sinxelo acto de autoexploración, algo tan estendido noutro tipo de cancro como é o de mama e tan esquecido no noso terreo”, sinala a profesora Gándara. “Tamén facemos consciente o estudantado da súa responsabilidade coa sociedade en xeral”, conclúe a coordinadora deste proxecto no que tamén participan os profesores da USC Andrés Blanco Carrión, Manuel Somoza Martín, Mario Pérez Sayáns García, Mercedes Gallas Torreira, Maria Dolores Reboiras López e Abel García García.

The contents of this page were updated on 06.11.2024.