A defensora de dereitos nicaraguana Haydée Castillo pecha en Santiago un proxecto de ApS con alumnado de Educación
Alumnado da Facultade de Ciencias da Educación, do 1º curso do Grao en Educación Social e de 1º e 3º do Grao en Pedagoxía, traballou estes meses no proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) ‘Defender a quen defende: mulleres defensoras de dereitos’, liderado polo Grupo de Investigación da USC Terceira Xeración.
Ao longo de todo semestre, e enmarcado nas materias de Teoría da Educación, Educación Comparada e Economía da Educación, as alumnas e alumnos documentáronse e deseñaron proxectos de intervención para divulgar e sensibilizar cara a situación das defensoras de dereitos. O resultado foron dous proxectos desenvolvidos en dous centros educativos de Teo e Redondela e unha exposición que estará dispoñible no vindeiro curso en diversos espazos da USC. Ademais axudaron na recollida de testemuñas sobre o impacto do exilio forzoso.
Colaboración con Haydée Castillo
No proceso formativo tivo lugar unha colaboración fundamental que dou sentido ao traxecto e que foi de grande inspiración para o alumnado e o equipo docente, como foi a coñecida e recoñecida defensora de dereitos humanos nicaraguana Haydée Castillo, vinculada á Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos e que conta con máis de 30 anos de activismo feminista e defensa das comunidades rurais e indíxenas.
Enormemente comprometida cos procesos educativos e de sensibilización, hoxe Haydée Castillo acompañou ao alumnado da USC participante no proxecto que apoiou ao longo do semestre para facer unha valoración das aprendizaxes e celebrar o traballo realizado. Xunto a ela, na xuntanza co estudantado participaron tamén outra defensora de dereitos nicaraguana, Muriel Sáenz, así como María Paz e Gloria Parra, de Solidariedade Internacional Galicia, e Pablo Parra, da federación valenciana desa organización non gobernamental.
Sensibilizar sobre as defensoras de dereitos
As protestas sociais de Nicaragua de 2018 contra o réxime de Ortega e Murillo abren un contexto con centos de detencións, persecucións e asasinatos facendo o traballo de Haydée cada vez máis complicado. Despois de sufrir ameazas e persecucións, un intento de asasinato, e un período de encarceramento, abandona o país. A inicios de 2023 Nicaragua a desposúe da súa nacionalidade e confisca os seus bens xunto a 93 exiliadas/os máis. Actualmente, Haydée exiliada en EEUU axuda a outras persoas de Nicaragua e doutras latitudes que o necesitan. Relata que o exilio non é nada fácil e menos para as persoas defensoras. “Máis que vernos como vítimas, nós queremos pedirlles que nos vexan como protagonistas da historia, como persoas con dereitos e que o noso soño é fundamentalmente vivir e coñecer a paz que nunca coñecemos”.
En 2022 foron asasinadas/os 401 defensoras/es de dereitos en 26 países pola súa labor pacífica. O colectivo das mulleres ten unha especial singularidade, que ademais das inequidades habituais, multiplica os efectos das ameazas ambientais e as fendas sociais. No caso das mulleres defensoras de dereitos, ademais de ser obxecto das mesmas ameazas, sofren a violencia machista.
Por todo isto, a finalidade do proxecto foi favorecer a sensibilización da sociedade e da comunidade universitaria sobre a situación de vulnerabilidade das defensoras de dereitos. Os obxectivos específicos marcados foron integrar na formación de futuras/os profesionais da educación, o papel da educación ante os grandes retos globais; coñecer a situación de risco das defensoras de DDHH; contribuír á construción do programa de acollida e protección de defensoras en Galicia; recoñecer a figura de mulleres defensoras de DDHH e profundar nas causas e consecuencias das súas loitas; traballar os compoñentes da EDSCG para que poida ser desenvolvido nos futuros deseños educativos do estudantado e Iniciar a creación dun mapeo de Mulleres Defensoras das súas loitas.
Para esta iniciativa contouse co apoio de Solidariedade Internacional de Galicia (SIG), unha das entidades que compoñen o órgano xestor do Programa Galicia Abriga, xunta AGARESO e Ecos do Sur. Ademais, conta co apoio dunha rede formada por 15 organizacións galegas e universidades. Galicia Abriga é o primeiro Programa Galego de Acollida Temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos e iniciou a súa andadura en febreiro de 2024.